VIALIA
PLAYDOC

Héctor Pena recolle nun libro a historia do fútbol feminino en Galicia

Estes días está a ter lugar a Copa Mundial Feminina en Australia e Nova Zelanda, e hai un par de semanas a Editorial Galaxia publicaba Historia do fútbol feminino en Galicia: De Irene González a Vero Boquete, un libro de Héctor Pena que repasa as luces e sombras deste deporte ao longo dos anos. Falamos co autor sobre a crecente importancia e popularidade do fútbol feminino malia as dificultades. Podes mercar o libro aquí.

Vero Boquete xogando coa selección galega | Cedida pola futbolista

Ao rematar a fase de grupos da Copa Mundial Feminina que se está a xogar nestes momentos en Australia e Nova Zelanda, a FIFA fixo públicas algunhas estadísticas sobre afluencia e seguimento da competición. Os datos apuntan ao optimismo: case dous millóns de entradas vendidas, un promedio de 25.500 espectadores por partido (un 29% máis que no anterior Mundial e con partidos que chegaron a congregar a 75.000 persoas), aumento da audiencia nas restransmisións televisivas (con 54 millóns de espectadores no Inglaterra – China), etc.

Estes datos non collen por sorpresa a Héctor Pena, xornalista deportivo e autor do libro Historia do fútbol feminino en Galicia: De Irene González a Vero Boquete, recentemente publicado pola editorial Galaxia. Ao longo de 200 páxinas repasa as orixes deste deporte en Inglaterra, como chegou a España e Galicia, como as futbolistas eran tratadas con condescendencia pola prensa e público, sendo considerado como deporte-espectáculo; a época escura do Franquismo, o rexurdimento dos setenta, o éxito do Karbo nos oitenta, a chegada de El Olivo á élite e a súa posterior desaparición na década pasada, o retorno do Deportivo da Coruña á máxima categoría… Por suposto, non faltan os nomes de referentes da altura de Irene González, Vero Boquete, Pauleta, Míriam Ríos, Tere Abelleira ou Lis Franco.

Héctor Pena, autor do libro | Cedida

Héctor lembra sentir interese por primeira vez polo fútbol feminino grazas a un videoxogo da Nintendo 64 que lle agasallaran: o Mia Hamm Soccer. Para a súa desgraza, o xogo de orixe americana non era compatible coa súa consola europea, pero serviulle para descubrir á lenda do futbol estadounidense Mia Hamm. Tamén grazas á súa parella, moi futboleira, medrou nel o interese por este deporte moitas veces esquecido a nivel mediático: “A evolución é radicalmente positiva. Hai unha diferencia abismal repecto hai 20 anos en canto ao apoio social e institucional, patrocinios, nivel das xogadoras… Non é algo illado. Canto máis apoio tes máis nenas practicarán fútbol, máis ensanchas a base e máis talento xurdirá no futuro”, explica.

Segundo el, os tres grandes equipos da nosa historia son o Karbo, gran dominador do fútbol estatal nos anos oitenta que desaparecu por falta de apoio do Deportivo, con quen se fusionou; El Olivo, equipo vigués que foi o primeiro conxunto galego en xogar na primeira división estatal en 2011 e que desapareceu en 2018; e o Deportivo, que ata o ano pasado xogaba na primeira división e actualmente milita na segunda categoría estatal.

Nesta historia do fútbol feminino en Galicia hai unha grande ausencia, que é a do Celta. Malia que nos oitenta absorbeu ao Mayador, o segundo equipo máis importante de Galicia tras o Karbo, o clube celeste nunca demostrou moito interese neste ámbito. De feito, actualmente o Celta é o único equipo de primeira divisón sen sección feminina xunto con Xetafe e As Palmas: “Penso que o día que se produza o cambio xeracional na cabeza do clube —todo apunta a que Mariam Mouriño substituirá ao seu pai Carlos na presidencia do Celta— non creo que tarde moito en dar ese paso. É algo natural. A escusa que ofrecía Carlos Mouriño sobre a ausencia de instalacións suficientes xa non vale, pois o Celta ten campos e técnicos dabondo para adestrar categorías femininas”, di o xornalista de Nós Diario.

Partido da Irmandiña en 2016 | RFGF

Para ilustrar este sinsentido, Héctor conta que o outro día chamoulle a atención unha imaxe durante a visita ao museo do Celta: “Hai un mosaico cos rapaces da canteira e no centro hai unha nena. Esa nena cando medre non vai poder xogar coa súa camiseta, vai ter que facer as maletas e ir xogar a Friol, a Lugo ou fóra de Galicia”, engade o autor dos libros Historia del Trofeo Teresa Herrera e Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo.

Seguindo nesta liña temática, este mesmo ano publicou na editorial Xerais o libro xuvenil A pioneira, unha obra histórica de ficción onde unha das protagonistas está inspirada en Irene González. Esta foi unha gardameta coruñesa que nos anos vinte do século pasado xogou, ente outros, no FC Barcelona e tivo que facer fronte ás críticas e preuxuízos da sociedade do seu tempo, que non consideraban o fútbol como algo “apropiado para as mulleres”. Na vida real Irene morreu moi nova a causa dunha doenza, pero na novela “continuamos con ela no contexto da Guerra Civil. É unha historia de mulleres en tempos de represión“, conclúe.

REVISTA MAIO
Irene González | Cedida por Eladio Muíños

Galaxia de fútbol

Nos últimos tempos a Editorial Galaxia está a apostar firmemente polas obras de temática deportiva, en especial sobre fútbol. Así, veñen de crear a colección O noso deporte, onde tamén está incluída a biografía sobre o fundador do Celta Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón. O libro do fútbol é outra publicación, neste caso de autoría colectiva, que saíu ao mercado nos últimos tempos.

Outras editoriais galegas que están a publicar libros de temática futboleira son Aira Editorial, co seu Historia visual do RC Celta, Ardemar Edicións con 100 anos de historias do Celta, ou Menino Morreu con Sacho de seda.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.