REVISTA FEBREIRO

Solpor a bocados, o mellor da gastronomía viguesa surca a ría

Este xoves zarpou a segunda edición de Solpor a bocados, unha iniciativa de Vigo Gastronómico que combina paseo pola ría en barco, música, viño e un coidado menú de oito pratos elaborado polos restaurantes con mellor fama da cidade. A experiencia, que se repetirá cada xoves de xullo e agosto, pode reservarse na web do colectivo hotaleiro.

No peirao situado entre o Club Náutico e a estatua de Xulio Verne nos espera o Nautilus, un barco oceanográfico que habitualmente serve de nave para a interpretación dos fondos e o medio mariño. Hoxe fará de restaurante informal para a ducia de persoas que viñemos desfrutar de Solpor a bocados, unha experiencia organizada por Vigo Gastronómico con moitos ingredientes para convertisrse na actividade estrela do verán, como xa o fixo o ano pasado: paseo en barco ata a ensenada de San Simón co por do sol tras o Morrazo e a impoñente ponte de Rande, música, albariño a esgalla e un menú de oito pratos creado de forma conxunta polos 11 restaurantes que forman Vigo Gastronómico.

Vigo Gastronómico é un grupo de restaurantes vigueses nado o pasado verán que se uniron para ofrecer experiencias culinarias e turistícas fóra das paredes dos seus establecementos. Está formado por oito chefs comprometidos coa calidade dos seus produtos e a innovación constante na cociña e o sector hostaleiro, todos eles ben coñecidos e recoñecidos polos vigueses: Niño Corvo, Mijo, Lume de carozo, La Carpintería, Kero, Morrofino, La Pintxoteca, María Manuela, Living, La Contenta e O Croque.

Juanjo Figueroa, responsable do Lume de Carozo e organizador da viaxe, explica que aínda que cada día veremos aos cociñeiros dun dos restaurantes ocupar a improvisada cociña do Nautilus, o menú foi creado por todos os integrantes, é fixo e será o mesmo nas oito saídas que farán durante o verán, sen importar quen o cociñe en cada xornada. A carta está composta por seis pratos salgados, un cóctel e unha sobremesa elaborados con ingredientes frescos, de proximidade e de calidade e preparados cunha fusión de técnicas tradicionais e vangardistas.

Nos pratos salgados abundan os peixes azuis, como o xurel en escabeche con guacamole, encurtidos e compota de tomate picante; a caballa curada con maionesa de soia; o espectacular salmón vermello con emulsion de pemento de herbón, ou a reinterpretación do marmitako en versión salada. Tamén atoparemos vieiras sobre cebola caramelizada e gofre negro e unha opción con carne: a tosta de steak tartar con allo negro, un dos mellores pratos do menú. Como pre-postre (así o denominan eles), un mojito con anaquiños de melón, suave, doce e cheo de matices frascos e como colofón, unha chamativa sobremesa titulada Pasión ao solpor, que fixo o ídem entre os que tieveron o privilexio de probala.

Aínda que pode parecer un festín excesivo, as cantidades están pensadas para chegar ata o finas con ganas e para que sexan prácticas de comer sobre a cuberta do barco e sen derramar unha gota de viño durante a operación. Tamén o tempo está cautelosamente calculado para que haxa dabondo para conversar entre petisco e petisco, desfrutar do viño e acabar brindando cunha copa de albariño espumoso, antes de regresar de novo ao Porto de Vigo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.