UVIGO
FILLOAS

Adrian Timms na busca de mecenas para o seu primeiro disco

O cantautor independente Adrian Timms pon en marcha un crowdfunding para que o seu primeiro disco Part Won saia á luz. Os recursos obtidos invertiranse en campañas de promoción e merchandising, principalmente. Con ese último pulo na financiación, o lanzamento do álbum terá lugar o próximo 19 de abril. Se queres colaborar, preme aquí.

Foto promocional do artista | Alba Escudero

Adrian Timms e o seu pequeno equipo entregáronse os últimos anos á elaboración desta peza, deseñando con agarimo ata o último detalle sonoro e visual. “Un disco orgánico, a cabalo entre o indie e o folk, cheo de matices de influencias diversas”, describe na súa web. Nela explica o proceso de produción do seu primeiro álbum de estudio, así como as formas coas que brindarlle apoio.

Para formar parte do mecenazgo, ofrécense unha listaxe de recompensas que van desde opcións máis económicas, como a descarga dixital anticipada, ata outras para verdadeiros afeccionados, como un concerto personalizado coa banda. Incluso é posible converterse na madriña ou padriño do artista, pero para iso hai que ter algúns aforros de máis e ser ben xeneroso.

O artista é coñecido por poñerlle música a iniciativas solidarias, como a Carreira pola Esclerose ou a visibilización das dificultades que están a sufrir os traballadores da cultura e o espectáculo, ademais de por tocar habitualmente na rúa. Quizais é agora o momento de arrimar o ombro e darlle ao cantautor británico a oportunidade de estrearse na industria musical.

A continuación podes ver o videoclip deDead-Lines‘, gravado desde o Galiñeiro tras os incendios de Vigo (2017), pola realizadora Alba Escudero.

CAMELIAS NADAL