UVIGO
FILLOAS

A exposición ‘4 PROXECTOS’ transforma as salas do Marco

O Marco reabre ao público as salas de exposicións da súa planta baixa coa proposta ‘4 PROXECTOS’, que reúne aos artistas Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás e Mar Vicente. As diferentes obras, concebidas especificamente para cadanseu espazo, dialogan e transforman a singular arquitectura do museo.

Todo aquilo que sucede e con todo non é | Galería A3

O Marco, Museo de arte Contemporánea de Vigo, volve a abrir as salas expositivas situadas na pranta baixa do centro, cunha exposición que reúne o talento de catro artistas galegos. Desde o pasado 10 de abril e ata o 12 de setembro pode visitarse nas salas de exposición da súa planta baixa a nova proposta 4 PROXECTOS‘, construída sobre un dos sinais de identidade do museo. A peculiaridade da súa arquitectura, con amplos patios con luz cenital, galerías de planta rectangular, e unha sala central cuberta con cúpula, convértense na premisa para que catro artistas desenvolvan a súa obra. Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás e Mar Vicente establecen de formas diversas un diálogo co espazo, transformando e potenciando as calidades de cada sala, pero sen coñecer as intencións dos seus compañeiros ata o día da montaxe.

O horario de visita é de martes a sábado (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; e domingos, de 11.00 a 14.30. O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición todos os días ás 18.00. Pódense reservar visitas guiadas para grupos, chamando aos teléfonos 986 113900 ou 986 113904. Ademais, o novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición.

MÓNICA ALONSO , ‘A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020’

Mónica Alonso preside a rotonda central, coa súa obra ‘A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020’.Céntrase nunha única peza, nada en 2015 durante a estadía da artista en México, onde explora as relacións entre ciencia e superstición e as historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas. Interpreta a historia de seis persoas, desesperadas por seis medos diferentes: amor, ansiedade, fracaso, morte, fealdade e desexo de vivir. Todas chegan a unha médium que propón asasinar a un colibrí como forma de curar o seu mal. “A obra convida ao espectador a que tome a súa propia decisión, ante a visualización de seis cadáveres embalsamados”. Xunto a reproducción de cada colibrí, seis textos describen cada historia.

ROSENDO CID, ‘Todo aquilo que sucede e con todo non é’

Rosendo Cid con ‘Todo aquilo que sucede e con todo non é’ refírese a“todo ese material invisible, formado por intencións, azares, coñecementos previos ou alleos, erros ou intuicións que emprega calquera artista e que non se disipan aínda cando ten lugar a contemplación posterior”. A obra fórmana pezas escultóricas, fotográficas, algunhas próximas ao pictórico e outras onde o texto adquire protagonismo. Trátase, en gran parte de pezas feitas especialmente para ‘4 PROXECTOS’, empregando materiais atopados ou desfeitos do seu propio taller; habendo tamén pezas rescatadas doutras coleccións que encaixan na liña de traballo deste proxecto.

SALVADOR CIDRÁS E JUAN CIDRÁS, ‘As formas partilladas’

Salvador e Juan Cidrás exploran xuntos desde o 2015 o uso de materiais cerámicos e textís, buscando traballar desde as marxes, como unha deconstrución do medio e unha volta ás tendencias máis experimentais. A obra ‘As formas partilladas’ é o resultado da unión da perspectiva escultórica de Salvador e a perspectiva pictórica de Juan. O fío de lá, as pezas téxtiles e as pezas de cerámica dánlle forma ao concepto chave do proxecto: o aberrante, como “aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto“. As pezas relaciónanse entre elas a través da forma, a cor ou a súa instalación no espazo.

MAR VICENTE, ‘Sombras e cor’

En ‘Sombras e cor’, Mar Vicente avoga por un espectador activo, que experimente coas diferentes percepcións do espazo e da cor. Partindo dunha forma básica, o cadrado, crea construccións e murais que se apoian na luz natural dos espazos para resultar en variadas facetas ao longo do día. Experimenta tamén co equilibrio entre luz e escuridade, onde “a cor se revele como sombra“. As ilusións ópticas e a teoría da cor xeran novas versións do mesmo espazo.

CAMELIAS NADAL