REVISTA ABRIL

“(A)Pegadas”, entre as novas propostas do museo Liste

O Museo Liste presenta a súa programación para os vindeiros meses, dirixida a todos os públicos. Desde abril a xuño poderase desfrutar de novas exposicións temporais como (A)Pegadas: transitar onte para camiñar hoxe, ou participar en actividades e talleres de carácter etnográfico.

A roda de San Xoan | Castelao

(A)Pegadas: transitar onte para camiñar hoxe encabeza a oferta de actividades culturais que organiza o Museo Liste-Etnográfico de Vigo durante o próximo trimestre. Trátase dun proxecto expositivo no que artistas multidisciplinares dialogarán arredor da cultura material e simbólica que configuran os fondos da colección do museo. A partir do 13 de abril pasarán polo museo Diego del Río, Loreto Arnaz, Berta Pan, María Gar, Aida López, Abraham Alonso, Thomas Apostolou e Chiño Eirín. Pódense visitar tamén outras dúas exposicións temporais anteriormente inauguradas: Do paínzo ao millo: os mil grans, sobre a historia alimentaria de Galicia, e Sororidade: Ilustrad/as, sobre a loita polos dereitos da muller da man de ilustradoras galegas.

REVISTA ABRIL

O comezo da primavera achéganos á festividade dos maios. O 8 de maio poderase asistir a “O Maio en familia” nos xardíns do museo. Repasaranse as características destas manifestacións e logo procederase a elaboración de Maios propios. O prezo por persoa é de 1€. Na mestura de natureza e maxia, nace a idea das seguintes actividades. As festas do lume: San Xoan e outros rituais fai fincapé no simbolismo do lume nas celebracións, así como no recoñecemento de plantas e outros elementos propios do San Xoan. Terá lugar o 23 de xuño ás 17.30h, cun custo de 1€ por participante. Maxia e menciña nas árbores, enfócase nas calidades curativas e feiticeiras das árbores, esta actividade está incluída nos percorridos guiados ao museo e xa se pode realizar. Porén, de preferir a música, o Museo Liste presenta un obraidoiro de Instrumentos Humildes, no que se aborda de forma práctica a variedade de obxectos e xoguetes sonoros e os diferentes ritmos e usos. Para poder participar neste taller é preciso solicitalo previamente poñéndose en contacto co museo e ten un custo de 20€ por grupo.

O 17 e 18 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas, adicado a Xela Arias, e do Día Internacional dos Museos, co lema O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar, celebrarase unha xornada de portas abertas cunha programación especial; entre a que está a entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico. Este ano as fotografías deberán xirar arredor dos 7 pecados capitais, lembrade que se queredes participar o prazo remata o 26 de abril.

O Museo Liste-Etnográfico pódese visitar de martes a sábado de 10.00h a 14.00h, e os mércores de 10.00h a 14.00h e de 17.00h a 19.00h. O prezo da entrada xeral é de 2€. Para máis información sobre datas, horarios e prezos, consultar esta ligazón.