REVISTA ABRIL

Adrian Timms súmase á Carreira pola Esclerose cun concerto en movemento

Aínda que este ano a Carreira Solidaria pola Esclerose Múltiple tivo que pasarse á modalidade online, o músico Adrian Timms realizará un concerto en streaming este venres 27 ás 12:30 mentres realiza a andaina polas rúas da cidade. As inscricións continúan abertas ata o domingo 29.

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple vén organizando desde hai 8 anos esta proba deportiva, que consta de varias modalidades: 5km, 10km ou andaina. Por motivos de sobra coñecidos, este ano a carreira pasouse á modalidade en liña, é dicir, que cada un pode facer os quilómetros onde e cando queira ata este domingo 29. Como aínda estás a tempo de anotarte, podes facelo aquí.

REVISTA ABRIL

Xa sabiamos que Adrian Timms, o músico británico afincado en Vigo, era unha persoa solidaria cando o vimos actuar diante das salas de concertos pechadas. Agora súmase a esta proba deportiva realizando un concerto en movemento polas rúas da cidade, que retransmitirá en streaming o venres 27 ás 12:30 na súa conta de Instagram (@adrian_timms).

Partirá da sede da asociación, situada na rúa Camilo Veiga, desde alí dirixirase cara á alameda Suárez Chairos de Bouzas, onde tradicionalmente sitúase a saída e a meta da carreira que organiza AVEMPO e que este ano adaptou a unha modalidade virtual. Como reto solidario, o artista completará os cinco quilómetros da andaina polo paseo de Bouzas ata Samil guitarra en man e lucindo a camiseta oficial do evento, que os participantes poden adquirir coa súa inscrición.

Ata a data máis de medio milleiro de persoas sumáronse xa ao evento. Os participantes da carreira terán acceso a unha aplicación móbil que funcionará como chip de cronometraxe. A app rexistrará o tempo alcanzado por cada participante e compartirao de maneira instantánea na web de clasificacións. O evento xa era un piar fundamental para o mantemento dos servizos ofrecidos por AVEMPO pero este ano, debido á redución de ingresos como consecuencia da situación xerada polo coronavirus, a participación social e solidaria é máis importante e necesaria que nunca. Coa carreira, a Asociación tamén busca difundir o labor que fan e sensibilizar á sociedade sobre a Esclerose Múltiple, unha enfermidade que afecta cada vez máis á xente nova.