CAMELIAS MASCOTAS

A volta ao mundo en cinco ‘take aways’ de Vigo

Aeroportos desertos, voos cancelados e as expectativas daquela viaxe soñada postas en lista de espera desde hai xa demasiado tempo debuxan a paisaxe do turismo do último ano. A máis dun comeza a resultarnos abafante a pouca perspectiva de facer a maleta e escapar lonxe nos próximos meses e buscamos consolo nos álbumes de fotos e a estabilidade da conta de aforros.

Arepas da ría | P. Cermeño

Mentres as terminais teñan aspecto de escenario apocalíptico vos propoñemos curar a morriña viaxeira a través do padal con estar cinco propostas gastronómicas que nos achegarán ás recetas esenciais de diferentes partes do mundo e que podemos degustar na casa a só un click. De Venezuela a Honolulu pasando polas ateigadas rúas de Bombai, nesta viaxe daremos a volta ao mundo sen levantarnos do sofá. Non precisamos empacar moitas cousas, só coitelo, garfo e esperar a que soe o timbre.

Primeira parada: Venezuela. Non é a primeira vez que vos falamos de Arepas da Ría (Martín Echegaray, 22), un dos restaurantes de comida caribeña con maior estándar de calidade da cidade no que todo, desde as salsas aos petiscos e, por suposto, as arepas, está feito na casa e no momento con ingrendientes de esta e aquela parte do Atlántico. Imprescindible probar as arepas con recheos típicos venezolanos como o pabellón ou a reina pepiada, acompañadas dunhas chips de plátano fritido, e imaxinarse cos pes a remollo no mar Caribe mentres sorbes unha cervexa Polar.

Segunda parada: Italia. A risco de parecer unha proposta pouco orixinal, pois os restaurantes italianos levan entre nós máis tempo que moitos de nós, ben paga a pena pecar de tradicional e non morrer sen probar as pizzas de Don Marco (Médico Don Jose Mató, 12). A masa ao estilo napoletano de fermantación lenta e o forno tradicional afastan moito os pratos de Don Marco das de calquera outra pizzería da cidade. Tampouco faltan na carta as pastas frescas, elaboradas por eles.

Terceira parada: India. India ten unha das gastronomías máis únicas de todo o globo e a Vigo boa falta lle facía un espazo no que poder desfrutala. Este oco existencial que sufriamos as amantes do naan con curri veu cubrilo en 2018 o restaurante Tandoori Mahal (Atlántida,98), un local de amplios salóns decorados con figuras con varios pares de brazos, borlas douradas e flores de plástico nos que os pratos principais se sirven en cazoliñas ben escoltadas por arroz, pan e salsas variadas. É apto para padales pouco resistentes ao picante, pois moitos dos seus pratos non o levan.

REVISTA NOVEMBRO

Cuarta parada: Xapón. Continuamos esta suculenta viaxe facendo unha obrigada parada país do sol nacente e o seu mellor representante en Vigo, o Nikko (México,10). Un espazo gastronómico no que é habitual atopar hibridacións con outras cociñas, como a coreana, a peruana ou a galega. Durante a semana, o menú do día conta con tres variedades a elixir de bento box, a bandexa japonesa de prato combinado para levar na que atopamos sushi, pan bao, tiraditos ou curris.

Quinta parada: Hawai. E se acabamos como comezamos: nunha rexión tropical co murmurio das olas de fondo? Desta vez, vos propoñemos degustar un dos pratos máis típicos do arquipélago do Pacífico, o poke. E que mellor lugar que no pioneiro en Vigo neste bowls repletos de sabor: Koa Poké (Oporto, 30). A hawaiana é probablemente a última gastronomía internacional en desembarcar en Vigo e o Poke o seu prato insignia. Como vos contabamos neste artigo, trátase dun prato fresco, nutritivo e moi axeitado para degustar ao aire libre.

Extras: Por suposto estes cinco restaurantes son só unha mostra do abano de posibilidades gastronómicas internacionais ao que temos acceso en Vigo e que coñecemos o sufientemente como para saber que paga a pena probalos. Se despois do periplo proposto seguides invadidos polo espírito de Willy Fog, velaquí algunhas outras paradas nas que seguir explorando sabores exóticos. Na cidade contamos con varios restaurantes mexicanos de renome, como o Chilam Balam (Padre don Rúa, 11) ou a Taquería Sierra Madre (Alfonso XII, 12); un asador arxentino, o Mapuche (Canceleiro, 9); e outro brasileiro, La hacienda de Machado (Avenida de Europa, 93), no que vivir a experiencia dun rodício e probar novos cortes de carne do país ; así como varios lugares nos que desfrutar da gastronomía peruana, como o Kero (Castelar,6). Desde o continente asiático chegan multitude de locais de cociña chinesa, entre os que destaca o Restaurante Yong (Avenida de Puxeiros,72), no alto de Puxeiros; e recentemente soubemos da apertura do primeiro restaurante de cociña árabe en Vigo, o Al Jaima (Monforte de Lemos s/n).

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.