CASAACUNHA

A Orquestra Vigo 430 anuncia cinco concertos con reputados músicos internacionais

Tempada 2022 é o nome da programación dos primeiros meses do ano da Orquestra Vigo 430. Un ciclo de concertos que celebrará cinco actuacións entre xaneiro e maio e que contará con convidados de luxo como as violinistas Rosanne Philippens e María Florea, a frautista Lucie Horsch e o pianista e compositor Brais González.

O ciclo de primavera da Orquestra Vigo 430 pasará a partir deste ano a extenderse durante cinco meses, de xaneiro a maio, e pasa a chamrse “Tempada 2022”. A formación musical si mantén o ciclo de outono, que chegará no mes de outubro. As entradas para todos os concertos son gratuítas.

“Tempada 2022” traerá a oportunidade de gozar en Vigo da visitas de figuras internacionais, como a violinista holandesa Rosanne Philippens, que o 28 de xaneiro exercerá de directora e solista dun concerto sinfónico que promete ser realmente espectacular, coa disruptora 3ª Sinfonía de Beethoven sumada ao soado concerto para violín de Brahms. Esta é a segunda vez que Philippens colabora coa orquestra viguesa.

Banner A Movidiña

O 19 de febreiro será o segundo concerto. Desta volta membros da sección de vento da OV430 interpretarán “Música seleccionada orixinal para quinteto de metais“. A terceira cita é o 26 de marzo, cando teremos a ocasión de escoitar outra obra de Brahms, neste caso para corda: o Sexteto No2 op.36. Neste concerto, o Ensemble Vigo 430 contará coa colaboración da violinista María Florea, habitual nas programacións da formación viguesa, e tamén coa violista exipcia Sindy Mohamed, artista residente este ano da Orquestra Vigo 430.

Os días 23 e 24 de abril, a orquestra sinfónica presentará “As aventuras do Príncipe Achmed”, unha proposta dirixida ao público familiar na que o público poderá visionar a película orixinal de Lotte Reiniger (1926) titulada da mesma forma, a longametraxe animada máis antiga que se conserva, realizada cunha laboriosa técnica de siluetas. A música foi composta especificamente para esta película polo compositor vigués Brais González, e a orquestra estará dirixida por Isabel Rubio, directora asociada da OV430.


O ciclo terá un broche de ouro o próximo 27 de maio. Será cun concerto da formación da orquestra especializada na música barroca , que nesta ocasión contará como solista coa virtuosa intérprete de frauta de pico Lucie Horsch, unha das artistas máis requiridas do momento en toda Europa, quen interpretará concertos para este instrumento de Bach, Vivaldi, Telemann e Sammartini. Como director e concertino contarase coa colaboración do violinista mexicano (afincado en Vigo) Pavel Amilcar.