CAMELIAS MASCOTAS

A estación violenta, unha historia de decadencia atemporal

Onte presentouse nos Multicines Norte a ópera prima da pontevedresa Anxos Fazáns, A estación violenta, un filme da produtora Matriuska. Na presentación estivo presente a cineasta acompañada polo actor vigués Antonio Durán Morris.

A iso das 20.15 da tarde a moza directora collía o micro para agradecer aos alí asistentes por decantarse polo cine en lugar dunha xornada baixo o ansiado sol, e sobre todo por elixir cinema feito en Galicia. E tras unhas breves palabras de Morris, tamén de agradecemento, comeza a proxección.

A estación violenta comeza cun plano das costas de Nerea Barros nunha praia cun grupo de amigos gozando dunha xornada de lecer e pode que de excesos. Esta imaxe é parte fundamental xa que nela quedarán estancadas as vidas dos personaxes. Tres mozos que se reencontran anos despois sumidos nunha espiral de fracaso. Unha historia que conta a decadencia da clase media que quere ser artista, que fracasa e atópase coa dureza da vida.

Trátase dunha película de sensacións, onde a directora retracta aos personaxes a través de numerosos planos secuencia, primeiros e medios planos apenas sen diálogo entre os tres personaxes. A imaxe flúe polos detalles e pola beleza dos lugares pero coa crueza da historia que estamos a ver.

A estación violenta é unha adaptación libre da novena homónima de Manuel Jabois, da que o autor renega por ser unha obra de xuventude pouco madura é moi literaria. No filme a literalidade non se plasma pero si o mundo interior dos personaxes, depresivos, no fin dun camiño sen retorno.

REVISTA NOVEMBRO

Ao remate da película Fazáns e Morris conversan cos asistentes e comparten detalles e sentimentos en torno a película. O veterano actor asegura que Anxos ‘consegue unha visión moi especial da novela xa que é unha historia atemporal e cada un de nos a pode situar nunha década diferente segundo a idade que posúa. Non é igual a decadencia para min que a relación entre a vida e a morte para Anxos’, unha moza de 25 anos.

E iso é A estación violenta, unha historia de frustración, de non saír do bache, de estar esperando a que algo pase plasmado cunha beleza e sinxeleza que fai desta ópera prima da pontevedresa unha película que chega ao espectador e provoca o que pretende provocar.

O filme proxectarase nos Multicines Norte ata o 20 de xuño. Días e horarios na propia web dos cines.

The following two tabs change content below.

Bea Barros

Licenciada en Comunicación Audiovisual e cun afán de contar historias fixo un máster en guión audiovisual. Os derroteiros da vida a levaron a traballar no mundo da web e no deseño gráfico no que agora dedica case o 100% do seu tempo. Pero sempre sen deixar de lado a súa paixón por contar historias, xa sexa con lapis e papel ou cunha cámara polas rúas do seu querido Vigo