VEGANA

Mahou Urban Food Festival volve á Estación Marítima a finais de mes

O MUFF (Mahou Urban Food Festival), anteriormente coñecido como Mercado de Sabores, volve á Estación Marítima de Vigo do 25 ao 28 de abril con chefs de primeiro nivel, showcookings, música, catas, obradoiros e moitas máis actividades.

Imaxe da edición pasada na Estación Marítima | Bea Barros

Mahou Urban Food Festival (MUFF), antes ‘Mercado de Sabores’, celebrarase na Estación Marítima de Vigo desde o día 25 ata o 28 de abril en horario de mañá (de 12:00 a 16:30) e tarde (de 20:00 a 24:00, o xoves; de 20:00 a 01:00, o venres e o sábado e de 18:30 a 22:30, o domingo). O evento, organizado por Mahou, converterá a Vigo na capital gastronómica por catro días cun concepto que une cervexa, gastronomía e música.

Doce serán os establecementos participantes no concurso deste ano, que contará coas tapas de Intenso (A Coruña), A Horta do Obradoiro (Santiago), Manolo Mañanitas (Cangas), Regato (Redondela), Taberna Atlántica (Vigo), Mijo (Vigo), María Manuela (Vigo), Garden (Vigo), Pintxoteca Mar (Vigo), La Carpintería (Vigo), Patouro (Vigo) e Adega das Caldas (Ourense). O ano pasado o prezo por petisco era de 2,50€.

Algúns dos mellores cociñeiros galegos, de restaurantes con Estrela Michelin, ofrecerán showcookings nos que público terá un papel protagonista. Lucía Freitas de A Tafona; Rafa Centeo e Inés Abril de Maruja Limón e Luís Veira de Árbore dá Veira, mostrarán en directo o venres 26, o sábado 27 e domingo 28, respectivamente, as mellores técnicas culinarias coa participación do público ao que, ademais, ofrecerán unha degustación das tapas preparadas.

A esta oferta súmanse as exhibicións diarias de tiraxe nas que poderá participar o público asistente gratuitamente e o ‘Concurso de Tiraxe e Cata’ do domingo 28, que se celebrará entre os establecementos asistentes. Ademais, como novidade nesta edición, existirá un espazo experiencial no que os asistentes poderán degustar unha ampla variedade da gama de cervexas de Mahou.

No apartado musical, destacan as actuacións de Sofía Ellar (xoves 25), Broken Peach (venres 26), Escuchando Elefantes (sábado 27) e as sesións dos DJ’s locais DJ Edu Romero, DJ Bruno BAW (Mondo Club e Radar Estudios) e DJ Chuti (Calma Chicha). Os concertos serán a partir das 22:30 e de balde.

Outra das novidades deste ano será a zona de talleres gratuítos de customización téxtil, fotografía gastronómica, Body Paint, UpCycling ou skate. Esta zona, na que non faltarán as catas de cervexa, estará aberta ao público durante todo o horario de apertura do MUFF.

REVISTA OUTUBRO

(GMT+01:00)