REVISTA ABRIL

Déborah Vukusic: “Todas as persoas teñen algo que contar, todos temos unha boa historia”

Guerra de identidade é a adaptación do poemario de Déborah Vukusic, unha obra que vai desde o testimonio poético ata o monólogo teatral onde a autora desgrana a súa vida: unha muller, metade galega, metade croata, obsesionada coa figura ausente e controvertida do pai, deportista de elite e militar na guerra dos Balcáns. Dirixida por Avelino González, a propia Déborah é a protagonista desta obra que estará sobre o escenario do Auditorio Municipal de Cangashoxe, 13 de xullo ás 22:30, dentro da programación do MITCFC.

Cando escribiches Guerra de Identidade hai 10 anos xa tiñas en mente que o ías representar en forma de obra teatral?

Pois o xérmolo do libro naceu nun obradoiro teatral no Teatro da Abadía con Ana Vallés no que o punto de partida non era un personaxe xa escrito senón preguntas persoais. Quen es? De onde vés? E a miña última intervención fora trazando dous círculos que facían intersección. Son metade galega e metade croata e o meu nome en hebreo significa abella e o apelido algo semellante a orellas de lobo. Á directora non lle fixo moita graza pero eu pensei que era un bo xérmolo. Ó rematar o obradoiro, coma nun trance, comecei a escribir o que sería a primeira edición, que saiu con Baile del Sol. Agora sae unha nova edición extendida ca Editorial Delirio e pensei que a mellor forma de vendelo era encarnándoo.

Cando fuches consciente de que a túa vida era idónea para ser transmitida en forma de libro ou de obra teatral?

Non sei se idónea é a verba máis axeitada sen caer na egolatría porque penso que todo é susceptible de se converter en materia poética. Todas as persoas teñen algo que contar, todos temos unha boa historia; só depende da ollada, da perspectiva é de como contala.

Imaxino que non debe ser sinxelo plasmar todas esas vivencias tan persoais sobre un escenario.

Non o é. Sempre é máis sinxelo achegarse a un personaxe que non teña que ver cunha mesma. Podes xulgalo, xogalo e ser máis imparcial e ata cruel; neste caso é difícil tomar distancia por non dicir imposible.

Ademais de escritora e actriz, tes realizado todo tipo de traballos ao longo dos anos. Por que é tan difícil vivir da arte en Galicia?

En Galicia e no mundo… Só un 8% dos actores viven da profesión e aquí o tecido cultural brilla pola súa ausencia. Ademais temos un pensamento claramente minifundista e iso fai que se afoguen as propostas no desleixo. Claro que hai proxectos coma o voso, este de A Movida, que nos dan unha luz de esperanza e combaten esas ideas. Bravo e grazas!

Como é traballar cun veterano da dramaturxia en Galicia como Avelino González?

É un agasallo. É un contador de toda a vida e ten unha sensibilidade moi especial. Fixemos un traballo moi duro de criba desfacéndonos de moito texto para contar os puntos máis importantes da historia e tivemos que prescindir de moitos ecos, que se van xerando ao longo do poemario. Hai que deixar cousas agochadas tamén para que as descubran os lectores.

A escenografía é mínima, polo que todo o peso da obra recae sobre a túa interpretación e sobre o que estás a contar.

REVISTA ABRIL

Si. Pensamos en facer algo máis grande pero a historia non o necesita. Efectivamente é minimalista e o atrezzo tamén é reducido: menos de 10 obxectos. Todo cabe case nunha bici! 

Como foi a reacción da túa familia despois de lanzar o poemario hai 10 anos?

Pois pasou de todo. Enfados, silencio, prantos, malos entendidos pero tamén houbo  moitas emocións positivas. Penso que verse reflectidos no libro é algo non doado de asimilar. O meu pai enfadouse, o meu padrastro sentiuse ferido porque non quixo chegar ao final e unha das miñas tías sentiu ciúmes por saír menos que outros “personaxes”. Un libro ten consecuencias.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.