REVISTA ABRIL

Vialia, estación local

Resulta lóxico que unha das meirandes obras da historia de Vigo levante polémicas e debates acalorados, tanto a nivel estético como ético; mais cómpre lembrar que entre as numerosas e poderosas multinacionais, no interior deste xigante de formigón tamén se atopan comercios locais. Imos coñecer algúns deles.


LA PEPITA

Hai case unha década da inauguración do burger bar de Santiago Salgueiro, cuxa onda expansiva chega ata os nosos días. Ante a ausencia deste tipo de propostas, abriu en 2012 a primeira hamburguesería premium viguesa, cambiando para sempre o concepto dun prato que levaba implícita a etiqueta de comida rápida ou de pouca calidade. Basta con fixarse na cantidade de locais similares que xurdiron nos últimos anos para decatarnos do éxito e da influencia da idea de Salgueiro, que recibiu ofertas de toda España para expandir o negocio: 23 sucursais en 21 cidades (en Vigo contamos con tres establecementos) que demostran que este manxar chegou para quedar. Con todo, a carta vai máis aló do básico: hamburguesas vexetarianas, de peixe, de polo ou de boi poden acompañarse cunha gran variedade de entrantes, ensaladas e sobremesas para lamber os fociños. A hamburguesa «Sorrentina» (tenreira con mozarella fundida, tomate seco e cebola crocante) e mais a «Rianxeira» (tenreira con queixo de San Simón, entreteto e cebola vermella) álzanse co título das máis vendidas nunha carta que marcou un antes e un despois na historia local deste prato tan popular.

La Pepita | lapepitaburgerbar.com | 986 06 19 06 | FB: La Pepita Burger Bar | IG: @lapepitaburger


ONENTE GAMING

Os tempos están cambiando, e as formas de ocio tamén. Iago Domínguez está á cabeza deste salón de xogo que nada ten que ver cos de antano. Aquí non hai máquinas recreativas nin simuladores de carreiras, senón 26 ordenadores de alta gama, unha Nintendo Switch, unha Xbox One e dúas PlayStation 5 para gozar do mundo do videoxogo con máximos de calidade e confort. Un equipamento custoso que, de non ser por estes espazos, sería inaccesible para moita xente. A pesar da xuventude do equipo humano de Iago, este é o segundo local que rexenta na cidade, tras botar a andar hai dous anos na rúa da Coruña. A pandemia non logrou tombar esta iniciativa pioneira en Galicia, senón que máis ben demostrou o agarimo e o apoio da clientela. Pouco a pouco, cóntase con organizar máis eventos presenciais, como charlas ou torneos de e-sports. Aquí poderás xogar a calquera dos títulos de moda: Call of Duty, Counter-Strike, FIFA, Fortnite, League of Legends ou Valorant. O salón ofrece un xeito distinto de achegarse ao videoxogo, un espazo físico onde coñecer outras persoas coas que compartir unha paixón cada vez máis popular e menos estigmatizada.

Onente Gaming | onente.com | 986 17 55 44 | FB: Onente Gaming | IG: @onente_gaming

REVISTA ABRIL

VIONCAS BAKE

Un cúmulo de casualidades fixo que Verónica Pereira estea na actualidade vendendo estas deliciosas empanadillas no hall do primeiro andar do centro comercial. A pandemia fixo que deixase o seu traballo como azafata en Peinador para meter as mans na masa. Así, co apoio e a experiencia do seu irmán, Miguel, xefe de cociña do Parador de Baiona, nace este singular despacho de empanadillas. A base de operacións está situada no Cerquido, lugar da parroquia de Santo Estevo de Budiño, no concello de Salceda de Caselas. De aí xorde este produto que, nas palabras da propia Verónica, pódese resumir en «empanadillas galegas, ricas, sas, variadas e fáciles de comer». Un alimento familiar e moi popular na cidade que ten un pé na tradición do país (como a de trigo Callobre con recheo de atún e ovo ou bacallau con pasas) e outro nos sabores do mundo (como as opcións de polo thai ou de mole poblano), contribución baseada na experiencia adquirida arredor do mundo. As favoritas do público son as de chocos, espinacas e polo thai, aínda que parecen estar causando furor as de xamón asado e cheeseburger. Existen opcións veganas e tamén doces, con recheos de canela, mazá verde acaramelada ou plátano con chocolate, a favorita de Verónica.

Vioncas Bake | vioncasbake.es | 644 54 49 03 | FB: Vioncas Bake | IG: @vioncasbake_

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.