O máis lido de 2024 en A Movida
Como cada ano por estas datas botamos a vista atrás e recompilamos os artigos da nosa web que máis vos interesaron ao longo deste 2024. Algúns destes eventos repítense cada ano, o que demostra o interese que espertan entre a cidadanía, e temos tamén bastante variedade temática: festas populares, festivais de música, gastronomía, audiovisual, plans para o verán… Preme no titular de cada evento para ler o artigo completo.
Chega o Netflix galego: a TVG e o Xabarín Club estrean plataforma dixital
Máis vale tarde que nunca. A Televisión de Galicia anunciou a comezos deste ano o lanzamento das plataformas de vídeo baixo demanda AGalega e Xabarín.gal, onde atopar (naquel momento) máis de 1400 contidos audiovisuais entre filmes, series, curtametraxes, programas de televisión, concertos e podcasts. Visto o éxito que tivo entre os nosos lectores e lectoras, resulta evidente que a xogada foi un éxito e que viña sendo demandada desde había tempo.
Seis menús do día para comer rico e barato en Vigo
A gastronomía é sempre un dos vosos temas favoritos tanto na web como na revista e nas redes sociais. A quen non lle gusta descubrir novos lugares onde ir comer? Así o demostra a segunda posición deste artigo no que mencionabamos algúns restaurantes que ofrecían delicosos menús do día por prezos asequibles.
Os mellores chiringuitos de Vigo e arredores
Pecho o podio un deses artigos que tamén gustan moito entre o noso lectorado, nos que recompilamos diferentes lugares sobre un mesmo teme e acompañamos a información cun mapa explicativo: fogueiras de San Xoán, magostos… Neste caso foron os chiringuitos de Vigo e arredores, lugares idóneos para desfrutar do verán en boa compañía e con boas vistas.
Cuba soará na Porta do Sol co concerto de Estrellas de Buena Vista y más
E chegan os primeiros acordes desde Cuba! Malia anunciarse con pouca antelación, o concerto de Estrellas de Buena Vista y Más na Porta do Sol resultou ser todo un éxito, o que debería abrir o debate de se este espazo se debería utilizar máis durante o verán para concertos dunha capacidade inferior á de Castrelos e, así, ofrecer unha oferta musical máis variada.
A pesar de tratarse dun festival de pequeno formato, é habitual que o Solpor Monteferro se coe entre os eventos musicais que máis interese espertan entre os nosos seguidores e seguidoras. É evidente que a beleza da paraxe onde se celebran as actuacións ten moito que ver. Nese mesmo espazo celebrouse este ano o Vive Nigrán, que anunciou o seu cartel sobre a bucina.
O interese suscitado por este ciclo de actividades, que se vén celebrando desde hai uns anos, demostran a importancia de rehabilitar edificios senlleiros que estaban en estado ruinoso e darlles unha nova vida ligada á cultura. Oito concertos de estilos moi variados que tiveron lugar nunha antiga casa indiana que hai uns poucos anos era pasto da vexetación e do abandono. Oxalá se toma nota e se siga esta dinámica con, por exemplo, os moitos edificios que están neste estado na zona de Beiramar e Jacinto Benavente.
Guía dos festivais galegos de 2024
Do mesmo xeito que o artigo dos chiringuitos, a infografía con algúns dos festivais de verán máis relevantes de Galicia tamén vos foi de moita axuda. Case 30 eventos de música repartidos entre xuño e setembro, tanto en Vigo como no resto de Galicia.
O HematoFesti dá a coñecer o programa completo de actividades
Unha das grandes novas culturais deste 2024 foi a creación do HematoFesti da man de Ledicia Costas e Alberto Vázquez. O evento, nado como unha homenaxe a Miguel Ángel López, aunou literatura infantil, comedia e videoxogos e contou con algúns dos nomes máis salientables destes eidos a nivel estatal, como Berto Romero, Paco Roca, Nacho Vigalondo ou Carolina Iglesias.
Guía para ir a Reconquista de Vigo
A nosa gran festa popular non podía faltar no Top 10 do máis lido este ano. Son moitas as preguntas que nos facemos sempre antes da celebración da Reconquista: vai chover? Como hai que ir vestidos? Cando é a representación? Cal é o horario do mercado? Quen organiza isto? A través desta guía tratamos de dar resposta a todas estas cuestións.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O máis lido de 2024 en A Movida - 24 Decembro, 2024
- Cafetería Turmalina - 17 Decembro, 2024
- Pepe Fernández - 17 Decembro, 2024
- Lotería Sagitario - 17 Decembro, 2024
- La Factoría - 17 Decembro, 2024