Al Wahab: cociña sirio-libanesa no centro da cidade
A cociña do Oriente Medio conta cun novo estandarte en na nosa cidade: Al Wahab, un restaurante fiel ás receitas tradicionais de Siria e do Líbano que conta cun bufete diario moi económico. O primeiro establecemento de Al Wahab inaugurouse na Coruña hai xustamente dous anos con tal éxito que a súa dona se decidiu a abrir unha sucursal no centro de Vigo.
A Wahab é un novo restaurante vigués especializado en pratos sirios e libaneses. «As dúas tradicións culinarias nacen en Damasco e son practicamente a mesma. A maior diferenza é que no Líbano se utiliza máis cantidade dos produtos caros, como os piñóns, que en Siria moitas veces se omiten», explica Leyla, xerente e cociñeira do local. «Os libaneses son máis señoritos, son os franceses do Oriente Medio», chancea a dona, que procede de familia libanesa e pasou a infancia e a adolescencia entre Siria e Venezuela.
Foi entre a cociña materna e os restaurantes de Damasco onde Leyla descubriu que quería ser cociñeira. «Miña nai era unha cociñeira excelente , e aquí sirvo algunhas das súas receitas». Unha desas preparacións familiares é a masa do kibbe, unhas croquetas de extremos bicudos recheas de carne especiada, que son o prato máis popular e exportado da gastronomía sirio-libanesa. Trátase dun prato de aparencia simple, pero con moito traballo artesanal, pois hai que enrolar unha por unha as bólas de carne picada dentro da fráxil pasta de bulgur cocido e pechalas ben antes de fritilas.
A gastronomía árabe pode resultar ignota desde esta punta de Europa, pero atopamos moitos sabores coñecidos por estes lares ao tratarse dunha cociña que nace á beira do Mediterráneo: comiño, limón, noces, pirixel, tomate… sen esquecer o aceite de oliva. Algunhas das diferenzas máis notorias atópanse na condimentación das carnes, onde é habitual utilizar un aderezo de sete especias denominado Baharat.
Entre os entrantes tamén atopamos os untables, nos que o hummus comparte protagonismo co Babaganuche, un paté de berenxenas asadas ao lume con pasta de sésamo, iogur e limón; e a muhammara, crema de pemento asado, noces e mel. Todos eles sérvense na compaña das tortas de pan que a xerente do local elabora artesanalmente, tanto á maneira tradicional como sen glute. Nos países doutro lado do Mediterráneo é común acompañar os pratos principais con estas cremas ademais dunha ensalada chamada tabbule, na que o pirixel, habitualmente relegado ao papel de condimento, pasa a ser o ingrediente principal. Ademais leva bulgur, cebola, granada e tomate. Pódese aderezar con melaza de granada, un condimento agridoce similar ás cremas de vinagre balsámico. Todos estes entrantes poden segustarse nos pratos combinados que preparan en Al Wahab, perfectos para compartir como primeiro ou para comer un só como prato único e probar así varias preparacións.
No apartado dos pratos principais destacan os espetos (de cordeiro, polo ou tenreira), con gornición de patacas fritidas e ensalada. Tamén se serven varios tipos de shawarma, un enrolado de carne ou falafel, con vexetais, similar ao que aquí coñecemos como kebab. O prato máis chamativo da carta é unha receita procedente de Alepo: o kebab karaz, albóndegas de tenreira guisadas en salsa caseira de cereixas, acompañadas de rolos crocantes de masa follada e arroz con fideos e améndoas salteados en manteiga; unha preparación moi orixinal que fará as delicias de quen goce coas combinacións de doce e salgado.
As racións son abundantes, pero deixar sitio para a sobremesa e máis que recomendable, pois o baklawa e o knafe, uns doces caseiros de masa fina e crocante cheos respectivamente de pistacho e queixo e cubertos de almibre son o colofón perfecto para rematar de catar cun té especiado este fastoso menú árabe.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024