VIALIA
PLAYDOC

Sinsal programa esta primavera tres concertos no centro da cidade

Regresa o Sinsal Catro Estacións con Sinsal Primavera, o evento especializado en música de vangarda, cuxo comisariado recae na promotora viguesa Sinsalaudio, responsable do festival Sinsal. Terá lugar nos meses de abril e maio e contará cunha tríade de iniciativas musicais fiadas pola diversidade estilística e da orixe das artistas: Deafkids, Kristin Hersh e Julius Gabriel. As entradas dos concertos están desde hoxe á venda a través de www.enterticket.es.

Deafkids | Cedida

Os días 5 e 19 de abril, e 9 de maioa cidade olívica acollerá unha nova edición do Sinsal Primavera. O evento pretende visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais no circuíto de programación dirixida ao público xeral. O público do Sinsal Primavera 2024 poderá gozar dun cartel conformado, nesta ocasión, por bandas e solistas procedentes de Brasil, Estados Unidos e Alemania e que actuarán por vez primeira en Galicia. 

Sinsal Primavera 2024 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). Ademais, por segundo ano consecutivo, o evento estenderase a unha das salas de concertos máis relevantes e alternativas da cidade, a Radar. O seu escenario acollerá, o 5 de abril, o primeiro dos directos, que chegará da man de Deafkids, banda brasileira cuxa sonoridade transita entre o rock industrial, a psicodelia, o noise, o hardcore ou mesmo a música africana, entre outros moitos. Para Deakfids, todos os xéneros son benvidos para avanzar coa “desprogramación sónica” da mente. 

REVISTA MAIO

A seguinte cita será o venres 19 de abril no MARCO. Unha das figuras máis salientables da escena alternativa estadounidense desde os anos oitenta chegará a Vigo para presentar o seu último álbum, Clear Pond Road. A cantante e prolífica compositora Kristin Hersh actuará en acústico no museo, dando conta da súa voz única e do seu talento, xa coñecido desde o seu paso por bandas como Throwing Muses ou 50FootWave.

O concerto que pechará a tríade de directos virá da man do berlinés Julius Gabriel, saxofonista que explora os límites e as complexidades deste instrumento. A súa base musical -labrada en escolas de música públicas, clubes underground e universidades- está fondamente arraigada na improvisación, para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. A actuación no MARCO do xoves 9 de maio será a súa estrea en Galicia.

De cara á favorecer o coñecemento e a expansión da creación contemporánea, Sinsalaudio colaborará tanto co Conservatorio Superior coma co Conservatorio Profesional de Vigo, facilitando que o alumnado dos centros educativos poida asistir aos concertos do Sinsal Primavera cun desconto do 50%.


PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2024

5 de abril, 21.30 horas na Sala Radar | Deafkids (Brasil)
19 de abril, 20.30 horas no MARCO | Kristin Hersh (Estados Unidos)
9 de maio, 20.30 horas no MARCO | Julius Gabriel (Alemania)