Día dos Museos: ampliación do horario, visitas guiadas e actividades
Os Museos da cidade súmanse á celebración do Día Internacional dos Museos que ten lugar o 18 de maio. Dende o xoves e ata o domingo as salas de exposicións amplían os seus horarios, programan visitas guiadas as súas mostras e actividades.
Esta nova edición do Día Internacional dos Museos ten por lema “Museos hiperconectados. Enfoques novos, públicos novos”, aínda que a data de celebración é o venres 18, os museos vigueses terán programación especial durante toda a fin de semana.
O xoves, venres e sábado, Casa das Artes, Casa Galega da Cultura e a Pinacoteca abrirán de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas. O Verbum e o Museo Quiñones de León de Castrelos terán o mesmo horario de mañá e pola tarde serán visitables de 17 a 20 horas. O domingo, estes cinco centros expositivos municipais abrirán de 11 a 14 horas. Pola súa banda o museo MARCO amplía as visitas á exposición “Xulio Verne. Os límites da imaxinación”. Así, o público poderá tomar parte destas ás 12h, 18h e 19:30 horas do sábado e ás 12 horas do domingo.
O Museo Liste-Etnográfico de Vigo acollerá distintas propostas durante a mañá do venres. Ás 10:30 horas comezará o “Furgolibro da Tía Ni”, unha escolla de libros en galego, de segunda man, antigos e descatalogados; ás 11:30 horas empezará unha visita guiada polo museo e ás 12:30 horas, unha exhibición comentada na leira circundante ao museo, dunha escolma de pezas a través das que se abordarán as enormes mudanzas na forma de comunicar como consecuencia dos cambios sociais e tecnolóxicos.
O Museo do Mar celebra a data cunha xornada de portas abertas e horario ampliado. Todo o mundo é convidado a visitar de balde as instalacións do museo de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 22:00 horas. O sábado organizan unha ruta en barco dende o museo ata a Illa de San Simón á que é preciso anotarse previamente.
O Centro Aarqueolóxico do Areal Salinae o sábado pola mañá abrirá no seu horario habitual de 11:00 a 14:00 horas. Pero pola tarde, entre as seis da e as doce da noite ofrecerá visitas guiadas breves (é necesario reservar previamente) de presentación do centro e unha mesa de experimentación didáctica na que os visitantes poderán fabricar as súas propias lucernas e levalas para casa.
A sala de exposicións de Afundación amplía o seu horario na xornada do venres ata as 22:00 e organiza unha visita guiada ás 20:00 á exposición ‘A Arte no Cómic’. Ademais, ten en marcha un concurso de fotografía en Instagram #museosafundación ata o domingo, a través do que invita aos visitantes a realizar unha fotografía que achegue un novo enfoque sobre a exposición, unha mirada orixinal e persoal e subila a esta rede social.