REVISTA OUTUBRO

Grandes pinturas universais convertidas en cómic

‘Las Mendigas’ é o título que o artista Don Julio lle deu a súa interpretación para cómic do emblemático cadro de Velázquez ‘Las Meninas’. Aínda que perfectamente recoñecible, a versión de Don Julio retrata un estrato da sociedade ben diferente nuns tempos máis actuais. Este é un dos exemplos que reúne a exposición ‘A arte no cómic’ que se pode visitar na Sede Afundación ata o vindeiro 30 de xuño.

Máis de 70 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal na mostra ‘A arte no cómic’, comisariada polo historiador Asier Mensuro e producida por Fundación Telefónica. A exposición está estruturada en tres espazos: a presenza do cómic nos grandes museos; historietas desenvolvidas por autores galegos; e a homenaxe que realizaron algúns debuxantes a pezas de arte emblemáticas. Ademais, os artistas vigueses Begoña García-Alén e Andrés Magán crearon unha obra efémera nas paredes do espazo expositivo que só se poderá ver durante o tempo que a mostra estea exposta en Vigo. Trátase dunha interpretación en clave de cómic das obras ‘Los valores personales’ e ‘El imperio de las luces’ do surrealista Renné Magritte.

Na primeira parte da exposición pódense contemplar obras da colección do Louvre, como ‘A coroación de Napoleón’, en versión en viñeta de Christian Durieux, ‘A balsa da Medusa’ de Eric Liberge ou ‘A Gioconda’ de Marc-Antoine Mathieu. Tamén se inclúen cómics da colección do Museo de Orsay, como ‘Moderne Olimpia’, de Catherine Meurisse, ou ‘Les variations d’Orsay’, de Manuele Fior. Hai obras doutros museos, como ‘Museomaquia’, de David Sánchez e Santiago García, cómic aínda inédito encargado polo Museo Thyssen-Bornemisza con motivo do seu 25 aniversario, que conta con catro das súas páxinas nesta exposición. Destaca tamén a presenza de páxinas orixinais de Sagar Fornies para ‘Le Syndrome de Sthendal’, cómic aínda inédito no noso país, editado polo prestixioso Centro Pompidou e a casa editorial Glénat con motivo da celebración do 40 aniversario da apertura do museo. Con ‘A Arte no Cómic’, Fundación Telefónica sumouse a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a ilustradores e historietistas de prestixio. Entre eles, Javier Olivares, Premio Nacional de Cómic de 2015, e Santiago García ofrecen a súa visión de Constructivo en blanco y negro ‘TBA’ (1933), de Joaquín Torres-García, e a debuxante Mamen Moreu realiza tres ilustracións que homenaxean as obras Le peintre au travail, de Pablo Picasso, Assemblatge amb graffiti, de Antoni Tàpies, e La Belle Société, de René Magritte.

O segundo ámbito da exposición está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo da exposición, Afundación encargou a Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras máis sobresaíntes da súa colección de arte e que se incorporou aos seus fondos. Entre outras, nas páxinas de Pikiblinder aparecen obras como ‘Molido’ (Leiro, 1999), ‘O regreso do indiano’ (Castelao, 1918), ‘Máscaras’ (Mallo, 1942), ‘Romaría’ (Lugrís, 1953), ‘Cencerrada e A anana pintora’ (Laxeiro, 1950 e 1970, respectivamente), ‘Tríptico mariñeiro’ (Sobrino, 1931), ‘Tyla e eu’ (Minguillón, 1943) ou ‘Paisaxe’ (Perez Villaamil, 1848), ata un total de 26.

Por último, a mostra recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic. Trátase dun achegamento novo ao mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos historietistas que, conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte. Este ámbito conta con pezas como ‘3 páxinas sobre o Guernica’ de Javier Olivares e Santiago García; ‘A voz do pobo’, de Gustavo Rico e Jorge García, que recrea ‘La carga de los mamelucos’ de Francisco de Goya; ou ‘Espello da alma’, de Teresa Valero e Juan Díaz Canales, que inclúe versións dalgúns dos principais lenzos do movemento impresionista.

Paralelamente durante o paso da exposición por Vigo desenvolveranse unha serie de actividades relacionadas coa pintura e o cómic. Celebrarase un ciclo de cine coa proxección dos filmes ‘Aya de Yopougon’, ‘Le tableau’, ‘Le chat du Rabin’, ‘La jeune fille sans mans e Quai d’Orsay’, todas elas producións audiovisuais baseadas en recoñecidas bandas deseñadas. A Sede de Afundación tamén acollerá un ciclo de mesas redondas e charlas sobre o cómic, na que participarán personalidades relevantes deste eido tanto nacionais como internacionais. Os tres coloquios programados en maio son: ‘Vigo no cómic’, ‘Mulleres que fan cómic’ e ‘O museo e o cómic’.

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación

(GMT+01:00) Sede Afundación