REVISTA MARZO

Mergúllate no fabuloso universo de Verne no MARCO

Viaxar ao universo verniano significa dar a volta ao globo, introducirnos no centro da terra, chegar á lúa, navegar e mergullarnos en océanos e mares; viaxar no tempo e no espazo. O faremos ademais en todo tipo de artefactos. Todo isto agora é posible a través da exposición ‘Xulio Verne, os límites da imaxinación’, que onte se inaugurou no Museo Marco.

A imaxinación verniana como di o título da exposición, que onte se inaugurou no Museo Marco, no ten límites. O escritor francés tivo a sorte de vivir unha época que estivo pragada de cambios, inventos e innovacións. A súa fascinación polo progreso fixo que sempre estivera moi pendente de todos eles e lle servisen de inspiración nas súas novelas. Agora, a Fundación Teléfonica brinda a oportunidade a tódolos vigueses de asomarse a todos estes mundos a través da exposición ‘Xulio Verne. Os límites da imaxinación’, que xa se pode visitar no Museo Marco ata o vindeiro 16 de setembro.

A mostra está dividida en oito salas que os visitantes poden visitar e explorar como prefiran. O Gabinete de Verne pódese considerar o punto de partida da mostra. Aquí atópase, por exemplo, a primeira edición mundial de ‘Vinte mil Leguas de viaxe submarina’ que por circunstancias históricas é española. Trátase dunha exposición moi visual que non ten unha orde marcada e que abre a posibilidade aos visitantes de ir percorrendo os diferentes territorios vernianos ao gusto. Verne tiña gran interese polas exploracións da súa época, un período marcado polo imperialismo que descubría lugares inexplorados de África. Na sala ‘A terra coñecida e descoñecida’, unha instalación audiovisual reproduce os fenómenos que se atoparon os protagonistas de ‘Viaxe ao centro da Terra’ no seu periplo. O apartado ‘Trotamundos’ está dedicado a unha das grandes afeccións do escritor francés: viaxar. Paixón que quedou reflectida en ‘A volta ao mundo en 80 días’. Unha obra que amosa ben o estado mundial dos medios de comunicación, Phileas Fogg emprega todos os transportes existentes na época dende a zorra ou o elefante ao paquebote ou o tren. ‘Trotamundos’ é unha homenaxe aos viaxeiros e exploradores e aos escenarios que percorreu Fogg na súa aventura.

Banner A Movidiña

Verne e Vigo
A sala ‘Mobilis in Mobili’ está centrada na relación do escritor francés coa cidade de Vigo. Grazas a Verne e o seu libro ‘Vinte mil leguas de viaxe submarino’, Vigo pasaría a formar parte por sempre da literatura universal. O capitán Nemo, protagonista da novela, viña a Bahía de Vigo, onde estaban afundidos os galeóns da Batalla de Rande, a aprovisionarse de ouro para sufragar as súas expedicións. A mostra recolle estes acontecementos e as dúas visitas que Verne fixo a Vigo en 1878 e 1884. En ‘Vinte mil leguas de viaxe submarina’, Verne idea unha máquina capaz de fascinar a quen finalmente inventou o primeiro submarino eléctrico, o mariño español Isaac Peral. Tamén é moi posible que Verne servise de inspiración a Sanjurjo Badía e a súa ‘boia lanzatorpedos’.

Os polos, que representaban daquela os límites do coñecido, eran outra das fascinacións do francés. O apartado ‘Desertos de xeo’ reúne imaxes de expedicións polares que remataron en fracaso. Recolle dez imaxes, inéditas en España, da expedición de Ernest Shackleton que quixo ser o primeiro en cruzar a Antártida de punta a punta. Os negativos conxelados atopáronse na Antártida no 2013. Dende o o século IV a.c. moitos escritores se inspiraron en viaxar a Lúa nas súas novelas. Entre eles Verne, que escribiu ‘Da Terra á Lúa’ e ‘Arredor da Lúa’. A exposición amosa vinte formas de viaxar a Lúa representadas na literatura universal. Os lectores do XIX tamén viaxaron ao futuro a través dos libros de Verne ‘París no século XX’ e ‘A xornada dun xornalista americano no 2889’. Na sala ‘2889’ trasladarémonos co escritor e as ilustracións de autores franceses do século XIX á súa concepción do século XXI.

Esta exposición ábrenos unha gran ventá para achegarse á figura do gran escritor francés e entender a importancia de que Vigo lle servise de inspiración. O acceso á exposición é gratuíto e se pode visitar de martes a sábado (incluídos festivos) de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00; domingos de 11 a 14:30 horas. Tódolos días farase unha visita guiada a exposición ás 18:00 horas e se poden acordar visitas ‘á carta’ para grupos previa reserva.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.