CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Numerosas actividades polo Día Internacional dos Museos

Salas de exposicións e museos como o MARCO, Afundación, o Museo do Mar ou o Liste teñen preparada unha programación especial para este sábado con motivo do Día Intenacional dos Museos. Proxeccións, actividades infantís, visitas guiadas ou xornadas de portas abertas son algunhas das novidades que poderemos aproveitar este sábado 18.

Inauguración no MARCO de Destacados, Colección Telefónica | Pablo V.

Comezando polo MARCO, o sábado 18 de maio terá actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que actualmente se exhiben en salas: a individual de Álvaro de la Vega (ciclo Metrópole III) no 1º andar, e a exposición Destacados. Colección Telefónica, recén inaugurada hoxe. Haberá visitas guiadas para estas mostras ás 11:30, ás 18:00 e ás 19:30, e á Biblioteca -Centro de Documentación de 11:00 a 12:00 e de 17:00 a 18:00

Ás 12:30, Alba María e Mani Braga traerán Regueifas deste tempo. O MARCO convertirase en escenario para unha das manifestacións máis tradicionais que existen en Galicia, a regueifa, revitalizada hoxe polas xeracións máis novas. Un desafío oral en verso que nesta especial ocasión terá como motivo de partida e como pano de fondo imaxes históricas do edificio. No patio 1 da planta baixa, ás 20:00, terá lugar a proxección e versión comentada polo historiador Xurxo Martínez González do filmeRescatada: 68 anos agardando a memoria filmada, recuperada por Miguel Piñeiro.

O público máis novo ten un lugar preferente neste Día do Museo, con obradoiros infantís dirixidos a público familiar que estarán en marcha durante a mañá e a tarde do sábado. A partir da idea de xogo de mesa, e coa axuda de mímica e son, crearán todos os elementos e materiais para unha actividade colectiva baseada na relación de letras e imaxes. De 18:00 a 20:00 estará Sabidurius, un xogo de mesa creado por Eduardo Armada e Miguel Carrera, baseado nas palabras e as súas definicións, na imaxinación e na escrita. Sinxelo e divertido na súa dinámica e funcionamento, Sabidurius é un proxecto lúdico-educativo que reúne diversas disciplinas, cun deseño especial e único, e con máis de trinta ilustracións creadas expresamente polo artista Ramón Trigo.

CAMELIAS NADAL

Co obxectivo de crear plataformas nas que a creatividade se combina co coñecemento, Afundación organizou a visita familiar O museo dos superheroes á mostra Superpoderes David Aja e David Rubín, exposta actualmente na Sala de exposicións do Teatro Afundación. Nesta actividade, maiores e pequenos, contando coa axuda dos superheroes, deberán evitar o roubo de La Gioconda. Terá lugar o sábado 18 de maio, ás 12:00, con entrada de balde ata completar aforo.

O Liste, o Museo Etnográfico de Vigo, tamén se suma ao Día dos Museos con distintos actos. Tras ler o manifesto “Os museos como eixes culturais: o futuro da tradición”, haberá unha visita especial guiada á exposición permanente cunha mirada ao Museo Olimpio Liste de Oseira, a través dunha escolma de pezas singulares, que evidencian a débeda etnográfica desta herdanza no 20 Aniversario do Museo Liste. Unha hora despois, ás 12:30, haberá unha visita guiada á nova exposición temporal, A Mesa Farta: etnografía e cultura alimentaria de Galicia.

O Museo do Mar de Galicia, ofrecerá unha xornada de portas abertas ao longo de todo o sábado, no que poderás visitar as súas diferentes exposicións. O día anterior, con motivo do Día das Letras Galegas, todos os libros que teñen á venda estarán á metade de prezo.