Clara Sanchis: “Síntome útil espallando a visión de Virginia Woolf sobre a situación da muller”
Esta noite Clara Sanchis dará vida a célebre escritora Virginia Woolf no Teatro García Barbón, será a través da adaptación do ensaio ‘En una habitación propia’. Un monólogo que afonda na situación da muller naquela época é que se pode extrapolar á actual.
Como xorde a idea de adaptar a un espectáculo teatral o texto de Virginia Woolf?
Emocionoume a lectura dese libro. Chorei e rin sen parar. Tamén abriume os ollos, descubriume cousas que non sabía do noso pasado e que me permitían comprender o noso presente. Pensei que isto que me acontecía, pasaríalle a moita máis xente. O texto é unha conferencia, así que a súa teatralidade era intrínseca.
Imaxino que é toda unha responsabilidade dar vida a unha obra clave do feminismo.
É unha gran responsabilidade, mais tamén un orgullo. Penso que Woolf tivo a vontade de atreverse a afondar, con toda a súa complexidade, na situación das mulleres no mundo. Síntome moi útil compartindo toda a súa intelixencia.
Interpretaches a diversas personaxes femininas históricas. Como actriz, que esforzo interpretativo esíxeche esta personaxe a diferenza doutras?
A dificultade do monólogo é inmensa porque, entre outras cousas, hai que traballar sola. Precisa de moita concentración. Como camiñar por un fío. Pode que iso fora o aspecto máis difícil: controlar a mente. Tamén tiven que traballar co texto, co elocuente do discurso. Todo de maneira moi minuciosa, con lupa, palabra a palabra. Pode que sexa o material textual máis rico que pronunciei nunca cos meus beizos. Tamén é unha experiencia única experimentar no meu corpo, cada noite, as palabras salvaxes dunha muller xenial.
“Virginia é capaz de rirse de si mesma e de calquera cousa”
Que é o que máis che gusta desta autora?
Creo que o máis fascinante de Virginia é o seu sentido do humor. Ela é capaz de rirse de si mesma e tamén de calquera cousa. É un humor sutil, ao que recorre en cada momento, mais sen escatimar en rabia, emoción e tamén reflectindo a dureza do que conta.
“É un espectáculo que fai rir e chorar”
Coñeces outras obras?
Coñezo case toda a obra de Woolf. ‘Orlando’, e os seus diarios son as obras que me gustan máis. Tamén os seus ensaios. É unha escritora tan inmensa como complexa.
Este espectáculo é, de feito, un éxito de crítica e taquilla. Cal pensas que é a chave?
Os teatros énchense con esta función porque creo que hoxe necesitabamos escoitar estas palabras luminosas de Woolf. Axúdannos e impúlsannos. É un espectáculo que fai rir e chorar. Por riba de todo, busca a revolución e o pensamento crítico. Tamén creo que o público percibe que traballamos co corazón na man, con paixón e un respecto infinito.
Para terminar. Poderías recomendarnos algunha publicación que ofreza unha perspectiva feminista e aspectos que consideres importantes para educar na igualdade?
Sigamos coa propia Woolf: ‘Tres guineas’ é outro texto seu indispensable, que continúa na indagación das relacións entre homes e mulleres, e o veleno da desigualdade.
Últimos posts de David González (ver todos)
- Antonio García Teijeiro: “Ás crianzas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos” - 3 Xaneiro, 2022
- María Alonso: “A maioría da xente emigrada pasouno moi mal, pero non queren compartilo” - 27 Novembro, 2021
- Francisco Castro: “Debemos reivindicarnos como homes feministas” - 29 Outubro, 2021
- Elena Medel inaugura este venres o PoemaRia - 27 Xuño, 2018
- O reality show de Valle Inclán - 23 Xuño, 2018