REVISTA ABRIL

Andrea Costas expón no Marco a súa visión sobre a maternidade

Do 7 de febreiro ao 2 de xullo o Museo Marco acolle a exposición Desapego da artista viguesa Andrea Costas. Unha maneira diferente de falar sobre a maternidade a través da fotografía, do videoensaio e da instalación. (Texto e fotos: Iria Barciela)

Andrea Costas xunto ao retrato da súa filla | I. Barciela

Durante catro meses, do 7 febreiro ao 2 xullo, o Museo Marco terá exposta a mostra Desapego na primeira planta do edificio da rúa Príncipe. Andrea Costas quixo reflexionar sobre a súa propia maternidade a través de series fotográficas, vídeos e unha instalación específica que converte un espazo da mostra nunha especie de collage.

Esta artista deuse a coñecer traballando respecto a súa identidade como artista e muller. Destaca pola obra fotográfica, aínda que tamén toca outras linguaxes como o vídeo, a performance e as instalacións. En canto á narrativa, adoita tocar temas cotiáns e universais, desde unha perspectiva emocional e psicolóxica.

REVISTA ABRIL

Concretamente, a obra ‘Desapego’ ten como obxectivo principal a reflexión sobre a maternidade en primeira persoa, desde un punto de vista non idealizado e apartado de convencionalismos. A orixe deste proxecto remóntase a 2008, cando a artista decide ser nai. O nacemento dos seus xemelgos foi desbordante para ela, o que lle impediu ter fotografías dos primeiros anos de vida máis alá das que se poden tomar co teléfono. A súa inquietude por poder representar esta etapa, fixo que ao rematar os primeiros anos de crianza, nos que pasaba o día cos bebés nos brazos, puxérase máns a obra coas fotografías, nas que tamén aparecen algúns familiares.

Como parte da performance, Andrea decidiu non cortar o cabelo desde o parto ata o fin da etapa de lactancia materna, aos cinco anos neste caso. Chegado este momento foron os propios fillos quenes lle cortaron a longa melena, acto que forma parte da exposición. En canto ao título, a sua autora deixa claro que “se refire ao proceso contínuo de separación experimentado desde o momento do parto”.

A obra conxunta forma parte dunha investigación para a tesis na que está traballando, que lle fixo ser consciente de que na fotografía e literatura contemporánea existen cada vez máis autoras que falan con sinceridade da experiencia materna. Ela tamén o quixo facer. “Este período de revolución existencial levoume a tomar conciencia da importancia do tema da maternidade, do seu potencial como motor de evolución persoal, social e, sobre todo, da importancia da arte como transmisor da visión en primeira persoa dos temas que incumben directamente a este sector da poboación tan pouco representado, fóra de convencionalismos e idealizacións, na sociedade e na arte” confesa.