Esther F. Carrodeguas (ButacaZero): ‘O Coronavirus é unha lupa que agranda a situación de precaridade dos artistas’
Coa programación de primavera trasladada a outono e os festivais cancelados, o sector teatral enfréntase a un novo reto: xa non hai que encher teatros, senón subsistir ata que estes volvan ser seguros. ButacaZero é a plataforma da dramaturga Esther F. Carrodeguas e o director escénico Xavier Castiñeiras. Déronse a coñecer coa montaxe ‘Voaxa e Carmín’ (2015), sobre As Marías de Compostela, que resultou gañadora do Premio Abrente.
Cando nace ButacaZero e con que obxectivo?
ButacaZero tivo dous nacementos. Un en Madrid con Xavi e outro en Vigo cando a consolidamos xa os dous en Vigo. Os dous creábamos no noso campo e decidimos facer dialogar as nosas formas de traballo, que son moi diferentes en apariencia, mais concidien no xeito de aproximarnos á realidade, desde a crítica e a ironía. Moitos dos nosos proxectos reflicten a actualidade política e social.
Como vos afectou o parón?
Afectou a todos os niveis. Nós tiñamos moitos bolos contratados para marzo e adialos tivo unha consecuencia económica inmediata, mais tamén estructural. Colleunos nun momento no que estabamos apostando por fortalecer a compañía, ampliando o equipo e buscando traballo fóra de Galicia. Isto xerounos gastos sen ter a oportunidadde de ver beneficios.
Falas de adialos e non cancelalos. Tedes xa confirmado que os bolos se farán en outono?
Si, hai que recoñecer que hai interese por parte das institucións locais e as redes por non deixar tirado ao sector, polo que os espectáculos profesionais vanse manter case na súa totalidade. En Vigo e moitos outros concellos viviremos unha duplicidade de programacións a partir de setembro, coas de primavera e outono ocorrendo simultáneamente. Por outra banda, a contratación para o resto do ano vai lenta, pois sempre media o medo a un rebrote en outono e este sería o peor dos escenarios para o sector.
En que invirte o tempo unha compañía de teatro cando as salas están pechadas?
Aproveitamos para reflexionar sobre o noso presente e futuro e poñer o papeleo en orde. Tamén tivemos tempo para crear un novo espectáculo, que xirará precisamente arredor do confinamento. Tamén estamos preparando unha liña de investigación escénica, ZonaZero, que é algo que sempre quixemos facer, pero non atopábamos o momento. Unha das cousas boas da crise é que todo o mundo ten máis tempo, polo que é máis doado poñerse dacordo e crear en común.
Hai compañías que convertiron Youtube nunha sala de teatro ou crearon propostar específicas para consumir teatro nas redes. Vos planteastes nalgún momento trasladarvos ao ámbito dixital?
Non, supoño que pola propia natureza de ButacaZero, que é unha compañía sen actores fixos, na que o público nunca nos ve a nós. Cada un aproveitou o que tiña e como eu son escritora, dediqueime a escribir na Revista Galega de Teatro e por avanzar traballo noutros eidos.
Parece que estades conformes coa actuación das institucións. Botades en falta información ou apoios á hora de volver ao traballo?
Como che contaba, a resposta dos programadores foi boa, mais somos críticos coas medidas da Xunta. O goberno galego quitou diñeiro do Xacobeo, que obviamente non ía poder gastarse, e púxoo nas redes que xa había. Manteñen o que había, e eso está ben, pero non hai unha reflexión profunda para axudar ao sector nunha situación como esta. Faltan medidas espefícicas que contemple, por exemplo, ter os teatros pechados.
O Coronavirus é unha lupa que agranda a situación de precaridade dos artistas. Se na túa familia vivides 5 nunha habitación, o problema non é o Coronavirus, é previo. A situación actual o que fai é intensificar as consecuencias desa marxinalidade.
Tamén nos falta moita información. Non sabemos nada dos protocolos de apertura dos teatros nin de medidas específicas para o noso día a día, como se os actores poden bicarse ou temos que facer teatro con mascarilla.
Atréveste a imaxinar como será o panorama cultural en Vigo nos próximos meses?
O teatro ten máis de 2.000 anos, así que non vai morrer desta e todo o demáis paréceme imprevisible.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024