REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Virginia Bersabé

Os peóns que visen ante si un enorme corpo de muller de avanzada idade que preside o número cen da rúa de Numancia, probablemente se preguntasen as razóns que puideron levar a alguén a escoller ese tema para un mural tan grande. Pois a responsable é Virginia Bersabé, unha artista que ten como eixe central de toda a súa obra a muller anciá, plasmando en manifestacións físicas e pictóricas a súa memoria e a identidade a relación co que ten co espazo a muller na etapa da vellez.

REVISTA ABRIL

Trátase dunha imaxe de carácter tan feble como contundente, tenra e rotunda asemade, que nos obriga a ollar alí onde moitas veces non o facemos. Porque a senectude, e máis aínda cando é feminina, aínda é unha especie de tema tabú. Precisamente neste sen sentido é onde Virginia atopa a inspiración: «Pinto realidades esquecidas e traballo con persoas que doutra maneira pasarían desapercibidas.

Sinto a necesidade de mirar onde non se quere mirar e poder darlle un lugar merecido a un colectivo tan esquecido como é o da muller maior; a vellez e mais as enfermidades que esta etapa implica son para moitos un momento que debe ser gardado, escondido. En cambio, penso que é a etapa na que mellor se expresa o patrimonio humano, coa identidade construída ao longo de toda unha vida, a fraxilidade, a beleza que expresa a experiencia impresa no corpo. Non quero ter filtros, porque a vida non os ten».

O mural sitúase á altura do número 100 da rúa de Numancia.

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)