Cociña tradicional en Taberna Rabuda
Rabuda é unha taberna tradicional con aires renovados na que o cocido e os pratos de culler comparten carta con petiscos tradicionais de toda España e elaboracións máis actuais. Nestas datas ofrecen cocido os domingos e menús para grupos de ata dez persoas cos que festexar a mesa posta.
La Marimorena era un nome moi propio para o Nadal, pero o pasado mes de maio o equipo da desaparecida taberna do Casco Vello trasladouse a doutor Cadaval, onde rexurdiu con forza baixo o nome de Rabuda. Andrea Portela, Ana Doval, e Miguel Rueda apostaron por un local máis grande e un concepto un pouco máis refinado, con servizo de mesas e maior variedade de preparacións.
A minuta conserva algúns dos pratos populares do anterior local: non podían faltar o riquísimo bocadillo de luras, a tortilla pouco feita ou o pisto, e incorpora outros como as carrilleiras de porco ibérico e o galo celta; produtos nobres cociñados durante horas e presentados con esmero. Tamén hai polbo á prancha, empanada caseira ou ensaladilla con anchoas do Cantábrico e sobremesas como a torta de chocolate, que se prepara seguindo unha receita familiar de Miguel. En resumo a carta non é moi extensa, pero conta con opcións suficientes tanto para desfrutar dun encontro informal con algo para petiscar como para organizarse unha comilona con todas as da lei.
«Agora somos un sitio máis formal», contan, rememorando os momentos en que La Marimorena se enchía de xente ata o punto de ter que servir tortillas e bocatas na beirarrúa. Malia ao refinamento, Andrea ten claro que continúan a ser unha taberna, onde «o trato próximo e a cociña caseira son as bases do negocio» e na que se pode comer en mesa alta ou mesmo na barra, ao estilo das casas de comidas tradicionais. Todo nun ambiente cálido e relaxado con elementos orixinais que nos levan aos establecementos de toda a vida e outros que evidencian que estamos nunha taberna levada por xente nova.
Algúns dos pratos cambian coas estacións do ano e co frío chega o cocido cada domingo a mediodía. O menú está pensado para dúas persoas, ten un prezo de 20€ por cabeza, e promete ser un bo festín. De primeiro, sopa. De segundo carnes de galo celta, porco e tenreira, grelo, repolo, garavanzos, fabas e chourizo. Ademais, no momento de pedilo podemos indicar se nos gusta a casquería para que inclúan un prato con rabo, pezuño e oso de Xoan. E para rematar, unha filloa.
Para este Nadal,podemos elixir algo da carta ou algún dos menús grupais. Un está pensado para petiscar e o outro para comer de prato, dispoñendo ademais de opción vegana. O número mínimo de comensais para reservar un destes menús é de dúas persoas e o máximo de dez. Oscilan entre os 20 e os 32 euros e inclúen sobremesa caseira, café e groliño de licor, bebida á parte.
@tabernarabuda | rúa do Doutor Cadaval, 32 | martes a xoves, das 19:00 ás 0:00; venres, das 19:00 á 1:30 h; sábado, das 13:00 ás 16:30 e das 19:00 á 1:30 h; domingo, das 13:00 ás 16:30 e das 19:00 ás 00:00 h.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024