Vigo, cidade de cor: Susie Hammer
Zuzia Młotek, alias Susie Hammer, vén da Europa do Leste. Máis en concreto de Varsovia, aínda que hai anos que reside en Madrid. A súa obsesión desde que era ben nova é fedellar con plastilina, debuxar, pintar e recortar. Xa o di ela: «Non paraba de producir cousas que regalaba a todo o mundo, era unha nena moi tranquila, pasaba o tempo soa entre lapis de cores, non me movía da cadeira. Hoxe sigo igual». Esta paixón innata levouna irremediablemente a dedicarse de cheo á ilustración infantil. Aínda que ás veces tamén amplía o formato enfrontándose aos muros. É o caso da obra que fixo no Calvario, rematada nun tempo récord de tres días, que alegra o día a día de todo aquel que pasa pola rúa de Cataluña desde o 2018.
Esa é a finalidade das obras de Susie Hammer: animar a vida da xente. Para o conseguir, fai uso dun estilo moi simple, case infantil, entre os estilos naíf e pop. Ela define o seu propio labor como «moi doado e positivo, intentando provocar un sorriso, que divirta, que sexa positivo e provoque unha sensación de ledicia». E iso é o que precisamos hoxe en día.
A foto que ilustra este artigo foi tomada o pasado mes de marzo, co confinamento da poboación acabado de inaugurar en todo o Estado. Aínda lembro esa sensación tan estraña da cidade baleira, triste, con militares polas rúas (algo que aínda me irrita a día de hoxe polo disparate que supón), e buscando algo que ilustrase graficamente o asasino invisible. Indo atrás dun operario que desinfectaba as rúas, topei co mural de Susie, e recoñezo que me sacou un sorriso. Non sei moi ben se polo surrealismo da circunstancia ou polo poder das cores planas da artista polaca que o asina, pero iso é secundario. Porque sa arte fainos humanos, e tanto ten que a técnica sexa barroca, sinxela ou minimalista, profunda ou superficial. Despedímonos coas verbas de Susie: «Coller un pincel e pintar calquera cousa que queiras é un superpoder, un superpoder que ten calquera e co que pode cambiar o seu mundo».
O mural está á altura do número 21 da rúa de Cataluña, no barrio do Calvario.
Texto e fotos: Juan Teixeira
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Decembro de 2020. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023