Sinsal Outono presenta as ‘Microresidencias Verbum’
As Microresidencias Verbum son o proxecto co que o Festival Sinsal remata este estraño 2020, que muda a proposta habitual escénica de concertos e actuacións con público cara unha iniciativa a porta pechada, acorde cos tempos que vivimos, de experimentación e investigación arredor do son, a luz, as proxeccións e un espazo integrador e coprotagonista, coma é o Verbum.
Que ocorre cando nun espazo se reúnen durante varias xornadas unha compañía de escenógrafos, músicos clásicos e outros dedicados á exploración sonora de corte máis experimental? A resposta a temos nas Microesencias Verbum, unha amálgama formada por varios artistas de diferentes disciplinas que, sen preparación previa (e nalgúns casos sen coñecerse entre eles), encerráronse durante seis días en diferentes espazos do Verbum para propoñer uns diálogos artísticos entre o clásico e o vangardista, o analóxico e o dixital, a luz e a escuridade, co edificio como elemento resoante.
O colectivo Nononon.Lab (formado por Montse Piñeiro, José Faro, Lucía Estévez e Xacobo Castro, todas elas con ampla e premiada traxectoria nas artes escénicas, a pesar da súa xuventude), creou un espazo inmersivo, utilizando diferentes salas do Verbum, cunha escenografía de luz e proxeccións que acolleu as conversacións entre tres parellas de músicos e artistas sonoros: a violonchelista Macarena Montesinos e o artista sonoro Carlos Súarez, o músico Rubén Abad e os xóvenes productores de electrónica Yugen Kala, a violinista Elena Vázquez e o músico experimental Mateo Mena.
En cada un destes diálogos interviu un proxecto máis orientado á música e os instrumentos tradicionais, e outro que se sitúa na electrónica e a experimentación sonora, nunha conversa con moito de improvisación e investigación sobre o son, a imaxe, a luz e o propio espazo. O resultado podemos velo en varias pezas audiovisuais filmadas ao longo desas xornadas, que iran subindo á rede nos próximos días. Estes videos, de formato e duración variable, tamén recollen o proceso de creación, non só o resultado final.