VIALIA
bannerPicnicSesions

Rememora a ruta das ArtistAs de Davida

[A serie das ArtistAs foi publicada na nosa revista entre outubro de 2018 e xaneiro de 2019 en catro artigos. Na actualidade poucos dos murais aínda aguantan nas paredes]

CASCO VELLO

Seguro que algún día destes, camiñando pola cidade, reparaches nas ilustracións que decoran algunhas paredes de mulleres realizando algún tipo de actividade artística. Estes murais forman parte do proxecto ArtistAs, do ilustrador David Amoedo, Davida (@davidavgo). Coa colaboración do Festival Nun Local, realizou e espallou 34 debuxos de mulleres artistas por muros de diferentes barrios vigueses. Falamos con seis das retratadas na zona do Casco Vello.

Sara Bonner leva aquí 19 anos e compatibiliza a música co seu traballo dando clases de inglés. Leva toda a vida tocando en grupos ou como solista. Na última edición do Festival Nun Local participou coa banda Na Rúa, da que é violinista e vocalista. A súa ilustración atópase na Rúa de Chao, preto de onde vive, nunha zona que frecuenta moito: «Para min é unha localización moi especial: vivín na casa do lado e todas as semanas veño tocar a esta rúa».

Anna Cañadillas pertence ás compañías teatrais O Baúl da Tía Tola e Madialeva Teatro, que na actualidade se centra no público infantil. Leva participando en todas as edicións de Festival Nun Local desde a súa creación. Podemos atopar o seu retrato na Rúa Oliva, nunha zona moi transitada do Casco Vello. «É unha iniciativa fantástica, canta máis visibilidade se lle de á xente que traballa duro mellor».

Ailén Kendelman é actriz música, e forma parte do Conxunto Internacional Áureas, un grupo de mulleres que fan música dos anos vinte. Nesta agrupación, que mestura música e teatro, encárgase de percusión, violín e voces. Na ilustración aparece caracterizada de Bertha Lutz, unha famosa activista e sufraxista brasileira. O seu mural é o máis grande de todos, e pódese atopar na Rúa do Príncipe xunto co lema Voto feminino. Fatos, não palavras!: «Descubrín a ilustración o Día Internacional da Muller, de camiño á manifestación, e unha compañeira díxome “Estás aí!”. Ao mirar quedei impactada»

Soraya Paradela, ademais de bióloga e profesora de ciencias, forma parte das asociacións teatrais O Baúl da Tía Tola e Madialeva Teatro, igual que a súa compañeira Anna. A ilustración mostra un instante da última actuación de Contos chinos, na que a expresión corporal ten máis relevancia que a palabra. Na Rúa dos Sombreireiros, que une a Avenida de Elduayen coa Praza da Constitución, podemos atopar este mural: «A primeira vez que o vin estaban uns turistas a sacar fotos e non puiden evitar dicirlles que era eu a retratada».

María Pascuala traballa como terapeuta familiar, mais a raíz da súa participación na primeira edición do Festival Nun Local, hai catro anos, animouse a realizar actuacións musicais ao vivo, centrando o seu repertorio na mexicana Chavela Vargas. Desde aquela non perde ningunha entrega deste evento, gustando cada vez máis de cantar e tocar en directo. A ilustración dedicada a María Pascuala pódese ver na Rúa Real, no cruce coa Avenida Esperanza: «Festival Nun Local fixo que eu perdera a vergoña a cantar en público. Estou moi agradecida a Davida porque nos pon en valor».

Najla Shami, compostelá de nacemento e viguesa de adopción, leva máis de vinte anos enriba dos escenarios. Defínese a si mesma como música, non só vocalista, xa que ademais de compositora, toca diferentes instrumentos: calimba, guitarra, percusión e piano. De orixe palestina, a súa música e a súa personalidade están moi vencelladas a Galicia: «Esta iniciativa merece máis atención. É cultura e é de aquí. O que temos aquí é o único que nos diferencia do resto do planeta».

O CALVARIO

Tras unha primeira volta polo casco vello, seguimos coa ruta que, nesta ocasión, nos leva a un dos barrios máis coñecidos da cidade: O Calvario. Un total de sete ilustracións realizadas por David Amoedo, asinando como Davida, que podemos atopar paseando polas rúas situadas entre a avenida de Martínez Garrido e a rúa de Jenaro de la Fuente. Actrices, instrumentistas, poetas… artistas de todo tipo decoran superficies que doutro xeito estaban destinadas a ser cubertas por letreiros publicitarios e pintadas.

Margarida Mariño leva desde pequena tocando o violonchelo, primeiro no conservatorio de Vigo e despois no de Barcelona e, tras tantos anos de estudo e traballo, considérase unha afortunada por poder vivir da música. Non hai un estilo que se lle resista: de orquestras de música clásica e grupos de música de cámara ata a improvisación libre, pasando por folk, indie, jazz, pop, rock… Participou nas edicións de 2015 e 2016 do Festival Nun Local coa súa compañeira Su Garrido formando o dúo Treme. O seu retrato ilustra a rúa de Palencia: «Festival Nun Local é unha oportunidade para xuntarse e descubrir arte en lugares que probablemente utilizabas doutro xeito»

Ari Magritte é unha licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e especialista no eido das redes sociais, normalmente vencellándose ao mundo da cultura. A pesar de tocar a guitarra desde os 8 anos, comezou a actuar en público hai uns seis anos despois dun concerto para amigos en La Fiesta de los Maniquíes. Desde aquela, os concertos empezaron a sucederse e na actualidade compaxina as dúas actividades. Esta ilustración atópase na esquina que une as rúas do Doutor Carracido e de José Antela Conde: «O día que Davida estaba colocando a ilustración pensei que estaba a apegar carteis na parede; cando me acheguei, dixen “Creo que son eu”»

Bea Gea é actriz de teatro amador nas compañías Fauna 113 e Careco Teatro. Coa segunda delas, especializada en microteatro, e coa personaxe La Trini, participou no Festival Nun Local e así a retratou Davida. Podemos atopar a La Trini —noutrora acompañada pola frase Antonio, ¿tú has oído hablar de Kafka?—, nun valo publicitario que anuncia unhas reparacións na avenida de Emilio Martínez Garrido: «Para estar desde marzo nun valo no que se colocan moitos carteis, La Trini sempre foi respectada»

Macarena Montesinos é violonchelista desde nena. Tras o seu paso polo conservatorio, estudou Belas Artes, fixo un mestrado de investigación e creación é agora está a realizar un doutoramento. É fundadora do colectivo HALO, compositora de bandas sonoras, integrante da orquestra La Metamovida e colaboradora de numerosas agrupacións de artes escénicas, improvisación e teatro. Podemos ver o mural que a homenaxea na parte baixa da rúa do Doutor Carracido: «A iniciativa é unha consecuencia do auxe da loita das mulleres nos últimos anos»

Paula González é instrumentista e poeta no colectivo cultural Alter Ego, ademais de estudante de xornalismo en Santiago de Compostela. Situada na rúa Portela, podémola ver retratada coa guitarra musicando uns versos de Brais Nogueira, mais na actualidade cambiou o acompañamento musical por recitar os seus propios textos: «Gústame que estea nesta rúa porque vivo moi preto, a miña familia pasa por aquí todos os días; de pequena, eu xogaba no parque de aí ao lado»

Lucía Novas é poeta e profesora de lingua e literatura galega de secundaria. Amante da poesía desde ben nova, leva publicados tres poemarios, varios premios gañados cos seus versos e participou en diversos volumes colectivos. Na ilustración, situada na rúa de Estremadura, podémola ver recitando un poema na primeira edición do Festival Nun Local, co que se volveu citar en anos seguintes: «Axuda a dar visibilidade á cultura de forma innovadora e achega outro tipo de público a través da imaxe»

A HISPANIDADE

A terceira parada desta ruta das artistas de David Amoedo, alias Davida, lévanos á zona da avenida da Hispanidade, de rúas paralelas con nome de cidades españolas. Nas paredes destas rúas é onde poderemos atopar as ilustracións de máis artistas que participaron en edicións pasadas do Festival Nun Local… sempre e cando a ninguén lle dea por arrincar esta mostra de arte en clave feminina.

Beehive é un grupo de acción nado en 2015 que busca remover conciencias tratando temas como o capitalismo ou o machismo, nunha mestura de danza, música e palabra. Está formado por Alfarakis (músico), Eva Comesaña (danzarina urbana), Paula Herrero (cantante e instrumentista en High Paw e Elephants Yard) e Marcia Vázquez (danzarina urbana e deseñadora gráfica). Do trío feminino atopamos unha ilustración no inicio da rúa de Zaragoza. Elas forman parte do colectivo de mulleres artistas 85C : «Parece mentira que teña que vir unha iniciativa de fóra das institucións para fomentar algo tan importante como é a arte e o pequeno comercio de proximidade. Festival Nun Local fai que o público se sinta importante, algo que moitas veces se esquece».

Beatriz Martínez é unha arpista que se dedica principalmente a adaptar ao seu instrumento e aos novos tempos música tradicional galega. Alén de dar clases de música, nomeadamente de arpa, forma parte de diferentes agrupacións como Ghabeta, Percubebé ou SonDeSeu. Nunha das paredes da rotonda que une a avenida da Hispanidade coas rúas do Pintor Colmeiro e de Nazario González, atopámola retratada canda o seu inseparable instrumento: «Ao tocar nos mesmos bares sempre estás coa mesma xente. Co Festival Nun Local podes chegar a crianzas, familias, xente maior…».

Su Garrido Pombo é cantante, instrumentista e profesora de música. Graduada en guitarra polo Conservatorio Mayeusis e en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, podémola ver actuando en solitario ou en agrupacións como Son Trío ou Malandra, onde explora diferentes xéneros como bossa nova, folk, jazz, ou tango. Levou a súa música a lugares como Canadá, Francia, Holanda, Inglaterra, Irlanda ou México. Podemos atopar a súa efixie na praza situada entre as rúas do Pintor Colmeiro e Zaragoza: «Davida é unha persoa que cre na cultura de verdade, desde abaixo, enchendo espazos na rúa, que é onde queremos estar».

Clara Ferrao volveu a Galicia tras estudar Nutrición e Dietética, Danza Contemporánea e traballar como administrativa en Madrid. Na actualidade colabora con diferentes grupos e compañías de danza e baile, como Maximiliano Sanford, ademais de ser profesora de baile e actuar tamén en solitario. Na imaxe da rúa de Zaragoza, podémola ver xunto á súa compañeira Nuria Sotelo interpretando nun salón de peiteado a peza Ensaio Amor: «Que Davida e o Festival Nun Local decidiran facer isto pola súa conta paréceme tan arriscado como bonito. Faime moita ilusión que se escollese un momento desta peza tan importante para min».

Sheila Patricia é cantautora e instrumentista, tanto en solitario como coa súa banda. É licenciada en Filosofía, e coa súa arte pretende coller influencias das músicas do mundo e mesturalas coa súa propia, con letras que recollen a situación social e persoal de todo o que a rodea. Xa quer a través de jazz, ou quer a través de pop-rock, o seu obxectivo é o de contar historias. Podemos atopar a súa ilustración na rúa de Zamora, achegándonos á esquina que a une coa rúa das Illas Baleares: «Isto fai moi visible o noso labor artístico. Fai ver que non catro gatas, senón un ha chea de mulleres a facer cousas».

A FLORIDA

Rematamos esta longa e intensa Ruta das ArtistAs de David Amoedo (Davida) na zona da Florida, con catro ilustracións situadas entre as avenidas de Castelao e de Portanet e entre Castrelos e o estadio de Balaídos. Esta cuarta e última entrega desta andaina supón o final dunha fermosa viaxe polas rúas da nosa cidade na que seguro descubrimos a numerosos talentos femininos que fixeron dos nosos pasos unha experiencia máis agradable e reflexiva.

Anabel Budiño e Antía Costas son dúas actrices moañesas que forman parte do grupo Moito Morro Teatro. Fundada no 2013, esta compañía caracterízase por levar a comedia sempre por bandeira e pola súa implicación en causas sociais e benéficas. Na imaxe podemos ver ambas as dúas intérpretes durante a representación de Mimadriña, unha peza de produción propia denominada por elas mesmas como non apta para homes sensibles. Ademais, colaboran xuntas en espectáculos de improvisación. Podemos atopar este debuxo de gran tamaño no interior da praza da Tellada: «Festival Nun Local é unha grande iniciativa para achegar a cultura dun xeito máis próximo. Somos testemuñas de ver como cada ano medra un pouco máis e estamos encantadas de que se dean oportunidades para artistas e compañías emerxentes».

Sandra Piñeiro, a pesar de ter estudado terapia ocupacional, orientou a carreira laboral cara ao ocio e o tempo libre e á música. Relacionado con isto último, dá clases de guitarra e concertos, normalmente en solitario. Comezou a tocar a guitarra aos 14 anos de xeito autodidacta e leva actuando en directo desde hai tres anos, especialmente na súa vila natal, Cangas, e nos seus arredores. Na rúa dos fotógrafos irmáns Sarabia está retratada esta artista: «É un acto de valentía tanto por parte de David como do Festival Nun Local e penso que debería haber máis iniciativas coma esta».

REVISTA ABRIL

Alba Redondo estudou filosofía e actualmente cursa un ciclo de formación profesional en electrónica, mais no mundo da música é coñecida como Palito, un alcume familiar de toda a vida. O seu estilo de cantautora, aínda sen ser nada buscado, fixo que fora a abreconcertos de Javier Krahe nunha das súas visitas a Galicia. A súa efixie, agora inexistente debido á meteoroloxía, ilustrou avenida do Fragoso: «Que as ilustracións estean por toda a cidade, que lle chamen a atención á xente e que así se descubran artistas novas paréceme estupendo».

Laura Vila compatibiliza o seu traballo de enfermeira coa música, na que empezou desde ben nova a través do baile tradicional. Estudou gaita no Conservatorio Profesional de Música, ademais de dominar instrumentos como o bombo, a pandeireta ou o tambor. Na ilustración, situada na avenida do alcalde Portanet,  podémola ver tocando o bombo co seu grupo Maraghotas, que ofrece unha visión diferente e anovada do folclore do país. Tamén forma e formou parte das agrupacións Abóbriga, Grialia e As Lagharteiras:  «Como vexa a alguén a rillar na miña ilustración córtolle as mans. Por min e por Davida».

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.