CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Sinsal continúa o seu idilio co outono

O nome de Sinsal é sempre sinónimo de calidade, e nesta ocasión Sinsal Outono 16 trae a Vigo a Kolars e Will Samson en novembro e a clavecista María del Mar Blanco Moreno entrará na cámara semianecoica de Telecomunicacións o 24 de outubro. Dous espectáculos especiais de aforo moi limitado.

Will Samson actuará na cámara semianecoica e na biblioteca da EMAO

Desde Sinsal seguen a ofertar unha serie de experiencias musicais moi distintas ás habituais, buscando lugares especiais e artistas talentosos fóra do foco mediático. Catro serán as actividades para este Sinsal Outono, que cumpre 16 anos xa. Dous sesións na cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, un concerto na biblioteca da EMAO e outro no MARCO por parte da clavecista María del Mar Blanco Moreno, do británico Will Samson e do dúo estadounidense Kolars serán os atractivos desta edición.

CAMELIAS NADAL

O mércores 24 de outubro a profesora e concertista María del Mar Blanco Moreno entra na cámara semianecoica de Telecomunicacións en dúas sesións, 15:30 e 16:30. Xa puidemos ver a María no Festival Sinsal tocando o domingo 7 de outubro nos asteleiros Freire. A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas. Unha sala, na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na que practicamente non hai eco nin reverberacións. Os músicos que até agora participaron nesta experiencia destacan o silencio, a percepción multiplicada e, polo tanto, o coidado e a adaptación que requeriu a actuación en directo. Unha experiencia única para gozar da música doutra maneira.

A esta sala tamén entrará o británico Will Samson o día 14 de novembro no mesmo horario que María del Mar. O seu estilo camiña entre a electrónica, experimental e o acústico, facendo uso tamén de vellas gravadoras e dispostivos analóxicos. Tras o seu paso pola cámara semianecoica, o xoves 15 de novembro dará un concerto na marabillosa biblioteca da EMAO, con aforo reducido, ás 20:15 cunha entrada de 5 euros. Para poder participar como público en calquera das actuacións na cámara semianecoica, hai que inscribirse en info@sinsalaudio.org poñendo no asunto ao artista ao que se quere ver. É de balde pero con capacidade moi limitada.

Por último, os estadounidenses Kolars darán a súa primeira xira española o próximo mes de novembro, cun concerto o sábado 10 no MARCO de Vigo ás 20:30, cun prezo de 8 euros. Un tour cun directo ben fogoso, que só pasará por seis cidades españolas. Kolars é un dúo de Los Ángeles formado polo matrimonio que compoñen Rob Kolar (voz e guitarra eléctrica) e Lauren Brown (batería) e o seu son pode recordar ao dos primeiros The White Stripes ou The Black Keys. Para estes dous concertos haberá venda anticipada en ataquilla.com, Discos Elepé, Librería Versus e Honky Tonk Discos.