VIALIA
bannerPicnicSesions

Sinsal refúxiase este outono no museo Marco

O ciclo de concertos Sinsal Outono, vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións, programa a El Hijo, Luís Fernandes, Otro e Dullmea no museo Marco os días 16 e 17 de setembro. As entradas xa están á venda desde 10€.

A banda El Hijo, un dos artistas que participan neste Sinsal Outono | Cedida

Os días 16 e 17 de setembro Vigo ten unha cita coa música e artes visuais de vangarda: regresa Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións. Sinsal Outono, proxecto cultural que impulsa a promotora local Sinsalaudio, xurde coa intención de visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Neste 2022 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, e que acompañou o desenvolvemento e proxección da propia Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas: o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Sinsal Outono 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación e de visualización de propostas musicais contemporáneas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camões. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo, cuxas entradas están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma Enterticket e tamén desde a páxina web do festival. O prezo da entrada anticipada é de 10 euros, e os menores de 9 anos accederán gratuitamente.

OS ARTISTAS

EL HIJO | 16 DE SETEMBRO
Proxecto musical do compositor e produtor Abel Hernández (Migala, Emak Bakia). Desde o ano 2005 publica os seus primeiros traballos, producidos por Raül Refree, nos que se aproxima á canción de autor, con sonoridades acústicas e poesía de ton surreal. Nos primeiros anos da seguinte década achégase incialmente cara ao rock, mais vira o seu rumbo para investigar sobre as posibilidades da composición e produción propias da electrónica contemporánea, que dan pé ao seu son actual. Ben sexa a través do uso do autotune ou de recursos sonoros imposibles, El Hijo desafía os límites da produción dixital no panorama estatal.

REVISTA ABRIL

Luís Fernandes | 16 DE SETEMBRO
A actividade artística de Luís Fernandes está marcada pola multiplicidade de enfoques e formatos, divididos en proxectos colectivos, colaboracións puntuais e traballos individuais; pola actividade performativa, compositiva e expositiva; e polo establecemento de relacións con diferentes disciplinas. Fundador da banda peixe:aviao e membro do colectivo La La La Ressonance, ten colaborado con artistas como Lloyd Cole, Rodrigo Leao ou Black Bombain. No seu novo disco, ‘A guide to gettin lost’, explora as posibilidades da electrónica como punto de partida para múltiples composicións.

OTRO | 17 DE SETEMBRO
Músico e produtor afincado en Valencia e autor dun dos discos máis brillantes de 2021: Portuaria. O seu proxecto musical abrangue un importante abano de estilos e sons, na procura do diálogo entre a experimentación e a convención, converténdoo nunha das figuras a ter en conta na escena emerxente da música electrónica. As súas incursións no rap e no pop, así como o deseño de son comercial, abren espazos para xerar unha tensión espontáneamente desenfreada que se converten no sinal de identidade de Otro.

DULLMEA | 17 DE SETEMBRO
Desde Portugal chega unha artista especializada en explorar as múltiples posibilidades que se abren para a voz a través da música electrónica. Graduada como violinista pola Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo, Sofía Fernandes conta con tres discos publicados desde 2016 cos que ten xirado por países como Holanda, Alemania, Dinamarca ou Reino Unido. Nos seus directos propón unha suxerente inmersión no seu universo sonoro, minimalista e experimental, nos que improvisa sobre temas compostos por ela mesma. No Sinsal Outono presenta ‘Orduak’, o seu último traballo.