REVISTA ABRIL

Sinsal Outono: música, visuais e experimentación

Sinsalaudio recupera o programa Sinsal Outono, un ciclo de concertos e conferencias vinculados á experimentación e á creación contemporánea que se desenvolven no Museo Marco e o Conservatorio Superior de Música entre o 31 de outubro e o 2 de novembro. Nas propostas musicais encontramos Multiplensemble, Marta Verde & José Venditti, Henrique Portovedo, Juanma LoDo e Acacia Ojea.

REVISTA ABRIL
Festival Sinsal en San Simón 2021 | Foto: P.Vázquez

Sinsalaudio propón para este 2021 catro xornadas nas que recupera o carácter experimental do ciclo de outono, especial tanto na súa programación como estrutura. Sinsal Outono afondará na aposta polo traballo en común de artistas multidisciplinares, á vez que porá o foco en expresións e manifestacións vinculadas á vangarda menos visibles para o público. Músicas de diferentes épocas e países, paisaxes sonoras, gravacións, ruidos, visuais e xogos de luz forman parte das propostas.

O domingo 31, entre as 19:30 e as 22:00 h, unha das salas de exposición do MARCO acollerá as propostas de  Multiplensemble Marta Verde & José Venditti. A primeira das actuacións, baixo o título Plasma, chegará da man de Rafael Yebra no saxofón e do vigués Pedro González no violín e electrónica, un dúo que mesturará que electrónica e videocreación como mostra do panorama que se está a cocer na actualidade musical de nova creación. De seguido, será a quenda de OMEN, a performance de artes visuais ao vivo que ofrecerán Marta Verde & José Venditti. O proxecto parte da idea do presaxio ou augurio (Omen), coa intención de achegar ao público, a través dos límites entre melodía e ruído, a posibilidade de imaxinar outros mundos posibles a través da abstracción sonora e visual.

Xa na noite do día 1, entre as 19 e as 21:15 h, o recoñecido saxofonista luso Henrique Portovedo, especializado en música electroacústica e multimedia, presentará tamén no MARCO un programa para saxofóns, electrónica e video. A continuación, os creadores galegos contemporáneos Juanma LoDo e Acacia Ojea baixo a denominación Dead Line, presentarán Nexø, un proxecto audiovisual resultado dunha investigación conxunta de exploración das marxes da luz e o son. As entradas para asistir aos concertos dos días 31 de outubro e 1 de novembro xa están a venda na plataforma Enterticket, cun prezo de 12 euros.

Sinsal Outono inclúe tamén dúas conferencias arredor da dimensión electroacústica e multimedia na música de nova creación. Este será o eixo da primeira conferencia, que impartirá Pedro González, na mañá do vernes 29 de outubro, ás 12h. Xa o martes 2 de novembro, ás 16h, Henrique Portovedo achegará a súa visión sobre a confluencia da música contemporánea portuguesa coa electrónica. As dúas charlas terán lugar no Conservatorio Superior de Música de Vigo e contan coa colaboración do Instituto Camoes.