Un maio de flores cuberto
Desde a chegada da primavera oímos iso de «xa se lles nota aos días»: o sol empeza a quentar, animámonos á vida de rúa, a paisaxe tínguese de cores e a vida brota da terra. A tradición galega está chea de louvas á primavera, sendo a festa dos maios a máis sonada. Na nosa cidade, esta romaría ten o seu máximo expoñente na celebración que desenvolve a Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de Vigo cunha representación teatral
que escenifica o triunfo da primavera e do maio sobre o inverno.
Máis dun cento de persoas representan a fin do inverno
Unhas 140 persoas veciñas fan parte dunha obra coral protagonizada por unha moza que encarna á primavera. Ela, xunto ao personaxe do maio, son recibidos polo canto dun cuco. Outras persoas dan vida ás treboadas e aos animais que turran polo inverno. Loitan tirando dunha corda: a un lado sitúanse as forzas primaverais e ao outro, as invernais.
Fiz Axeitos, secretario da asociación, valora o evento como unha festa de relevancia para a cidade, xa que serviu para difundir unha tradición «que nos une coa terra» e para dinamizar o barrio. «Construímos un maio floral e adornámolo con fiúncho e flores que recollemos nos días previos», explica Axeitos, que pon en valor a participación da veciñanza en todo o proceso, incluíndo as actuacións e danzas, que parten do alumnado das aulas da asociación. Realizan danzas (de arcos, de cintas, de paus…) recollidas dos bailes tradicionais.
Un maio cerámico como máximo galardón
A asociación entrega na festa o seu galardón anual, un maio en cerámica creado pola artista local Emilia Guimeráns. «Entregámolo a persoas ou entidades que salientan por promocionar o noso barrio. O ano pasado gañouno o Instituto Camões, polo aniversario do seu centro en Vigo e pola dinamización que supón para o barrio».
Coplas, tradición e moito sarcasmo
A xente maior do barrio lembra, segundo comenta Axeitos, que na primavera moitas persoas das parroquias acudían en romaría ao centro da cidade con carros cargados de alimentos e produtos do campo, adornados con flores. Algúns levaban estes recursos como doazón ao antigo asilo, no paseo de Afonso. Desde a organización animan á veciñanza a participar desta celebración, para a que só cómpre vestirse con roupa de cor branca e dispoñerse a pasalo ben.
A Sementeira de Matamá, a festa que nos une coa terra
Coa chegada do bo tempo, chega a Festa da Sementeira de Matamá, que e ten orixe na restauración dun muíño hai 11 anos. Daquela, fundouse na parroquia de Matamá o colectivo Malaherba, e decidiuse restaurar o vello muíño da Regueira.Unha vez recuperado, para evitar que volvese caer no esquecemento, organízase cada ano esta esta e que pon o muíño a traballar con millo do país. Durante a festa, nenas e nenos da parroquia sementan a leira. O froito desa semente será recollido no outono, cadrando coa Festa da Recolleita, completando así o ciclo produtivo do millo. «Saímos cos bois desde o torreiro da festa cara ao muíño para representar como era a labranza e posteriormente traballamos o campo» explica Eduardo Ruanova, presidente da Asociación Colectivo
Malaherba. Organízase un xantar popular e cóntase con actuacións de música tradicional […]
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Maio 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]
Alberte Mera
Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)
- Esenza Pilates, gozar de estar ben - 27 Outubro, 2021
- Brooklyn Fitboxing, unha experiencia wow - 27 Outubro, 2021
- Modelos de compra consciente - 9 Xaneiro, 2020
- María Soliña camiño do cinema - 4 Outubro, 2019
- Un maio de flores cuberto - 8 Maio, 2019