REVISTA ABRIL

Modelos de compra consciente

Inauguramos década vivindo ás présas, a base de chíos de Twitter, rodéanos o efémero e abáfanos agardar. Fast food, fast fashion, xaneiro de rebaixas e o tempo, vestido de ouro, foxe das mans. Navegamos na inmediatez, compramos ás presas, enchemos os carriños a golpe de clic, sen preguntarnos se precisamos o que adquirimos e sen reparar na durabilidade das cousas. E o planeta sofre as consecuencias dunha industria téxtil responsable do 8 % das emisións mundiais dos gases de efecto invernadoiro. O reto de 2020 vai de cambiar o modelo lineal de consumo de moda (usar e tirar), e pasar ao modelo da compra consciente, aplicando a regra dos tres erres (3R) da ecoloxía: reducir, reutilizar e reciclar. De feito, cada vez máis xente opta por comprar no comercio local, fixándose na calidade do produto e apostando polo factor do deseño.

Fento, a moda que vén

Entre outros, os devanditos consellos promóvense desde Fento, moda sustentable galega, unha iniciativa que conciencia sobre os hábitos de consumo e o respecto polo medio. Vai xa para un lustro que naceu co impulso de Impact Hub Vigo e de deseñadoras viguesas como Noemí Díaz (Coclub) ou Violeta Bouzada (Oui Jane!). Ademais delas, hai outras firmas como Alfiler Mágico, Cose que te cose, El Laboratorio – Taller Textil, Fenosita, La Canalla, Le Chanelas, Mandacaru´Mico, Monoke, My Little Piura ou Xiro Atlantic Denim. Con elas vestirás con estilo propio, segundo a moda que máis che preste e respectando o planeta.

O valor emocional da roupa

As tendencias mudan a toda présa, mais iso non implica que a vida da roupa teña que ser efémera, xa que as prendas se poden seguir vestindo, intercambiándoas ou transformándoas. Nesa liña traballa Noemí Díaz, que dentro da súa marca Coclubdesenvolveu a campañaAdopta una prenda,contando historias sobre a roupa para cultivar a parte emocional das pezas de vestir, para que as persoas recuperen a conexión emocional coas súas pertenzas. Noemí traballa dando unha vida nova aos residuos, e coa deseñadora Sara Vigo,creou a colección Norma de prendas denim transformadas a partir de vellostecidos vaqueiros.

Moda feminista e sustentable

Oui Jane!,marca de Violeta Bouzada,naceu co obxectivo de levar o feminismo á cadea de valor téxtil. No proceso de produción, esta deseñadora fai unha rigorosa análise da trazabilidade das materias primas. Nese sentido, «o maior reto foi decidir que algodón empregar», comenta ela, de maneira que na produción de todos os materiais sempre se respecte o planeta e os dereitos laborais.

Cose que te cose

Hai un trienio anos que abriu Cose que te cose na Ronda de don Bosco, da man de María Fernández, que tamén forma parte de Fento, e que reivindica este proxecto «pola súa coherencia e capacidade de concienciación». María fai na súa tenda todo tipo de arranxos de todo tipo, transformacións e zurcidos de roupa. «É o meu gran de area para o planeta», resalta.

La Canalla ao rescate

En La Canalla, os irmáns Patricia e Fran Soto aplican a regra 3R «porque a mellor prenda é a que xa existe». No seu taller levan a cabo a liña de creación La Canalla al rescate, que consiste en dar segunda vida ás prendas que adquiriron un valor especial para as persoas. «O noso traballo vai ligado á memoria emocional da familia. Adoitan traernos prendas que herdaron de nais e avoas para poder seguir levándoas. Nós adaptámosllas e engadimos o factor do deseño», comenta Fran.  Tamén fan roupa nova de maneira sustentable, evitando producir residuos na patronaxe, traballando con tecidos biolóxicos e de comercio xusto.

Non perdas os trocos de roupa

Outra das iniciativas de Noemí Díaz son os swaps (permutas financeiras), eventos de troco de roupa, que organiza no Casco Vello Alto. Ollo á data, este mes temos un destes swap en Espacio Nido!Tamén Sara García, dePELUQart, organiza as festasswap,con sesións vermú na cervexería La de Julio,na rúa de Colombia. A máis próxima é a do sábado 25.

Sorpréndente no comercio local

REVISTA ABRIL

Se o que procuras é anovar a vestimenta, unha maneira de facelo de forma consciente é mercando no comercio de proximidade. Desta maneira xérase riqueza e traballo nos barrios e contribúese á creación e ao emprendemento locais. De seguido, recomendamos espazos punteiros que atrapan.

Woodtown, o street urban con skate

A máis especializada tenda street urban wear con skate atópase na avenida das Camelias. Joanna Gameiro achega no seu comercio unha gran variedade de marcas, a maioría nórdicas, que non se atopan noutras tendas da cidade. «Aquí a xente ten roupa de gran calidade», salienta Gameiro, que ademais sinala que ao non repetir talles, a prenda é practicamente exclusiva para quen a leve. En Woodtown selecciónase o produto pensando nos gustos do cliente, na calidade e na orixinalidade. A súa paixón son as coleccións cápsulas das marcas nórdicas que decoran profesionais da tatuaxe e demais artistas.

Sr. Nilsson, calidade e orixinalidade en pleno casco vello

Na rúa do Triunfo atópase Sr. Nilsson, o comercio de Cristina Rodríguez situado no corazón do casco vello. Trátase dun enclave onde poder atopar roupa distinta á da maioría das tendas, perfecta para quen busque complementos orixinais e aposte por vestir diferente, con marcas que garantan a calidade do produto ofrecendo durabilidade nas súas pezas. Para Cristina, potenciar o comercio local hoxe en día é remar contra a corrente, e lamenta que estean a pechar os negocios que van alén das multinacionais, pois supón rematar cun signo de identidade local.

Volvermos ao conto con Le marché

En Marqués de Valadares está Le marché de Rachel. Alí podes vestir de xeito formal cun toque desenfadado, con estampados que lembran as ilustracións dos contos da infancia con tecidos de gran calidade, algúns deles de poliéster reciclado e algodón orgánico. «Busco achegar estampados non habituais, desenfadados e divertidos, que ao mesmo tempo se poidan usar a diario e para ir ao traballo», sinala Mariló Pereiro, dona deste comercio.

A mellor roupa vintage en Flamingos

Na rúa do Doutor Cadaval atópase o principal selo estatal de roupa americana de segunda man. Hai tres anos que Marta Vizcaya abriu aquí Flamingos Vintage Kilo. Desde entón viu como cada vez máis xente prefire comprar de maneira consciente «buscando boas calidades e materiais e apostando por dar segundas vidas ás prendas», resalta a xerente. Dentro da gran variedade de Flamingos, Marta salienta para esta temporada os xerseis, «aínda que as camisas hawaianas se venden todo o ano».

Alberte Mera
Redactor

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Xaneiro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Alberte Mera

Coa paixón na comunicación, o audiovisual e o deseño, Alberte Mera é consultor de comunicación en Vigo, cidade onde naceu no 87. Despois de licenciarse pola UVigo en Comunicación Audiovisual, ampliou a formación co Máster en Comunicación e Industrias Creativas e co certificado de profesionalidade de Márketing e Comunicación. Ten dirixido varias longametraxes documentais e colabora na organización de iniciativas sociais e culturais.

Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)