REVISTA ABRIL

María Soliña camiño do cinema

A illa de Toralla, Cesantes e diversos emprazamentos de Cangas do Morrazo son os escenarios escollidos para a rodaxe de María Solinha, a nova película de Ignacio Vilar (Petín, 1951). O 19 de agosto botou a andar a rodaxe dunha historia que transcorre no presente e que, asemade, bebe do pasado. Así, a película actualiza a figura de María Soliña, unha canguesa loitadora que nos séculos XVI e XVII desafiou a orde establecida e que, en consecuencia, foi acusada de bruxería pola Inquisición. «Foi unha das mulleres galegas máis importantes da historia», resalta o director, para quen a protagonista, como Rosalía de Castro, é un exemplo de persoa cuxa contribución «debemos recuperar como guía no mundo en que vivimos».

A película desenvólvese no presente, mais amosa como a María do pasado e a do século XXI «son atacadas polo mesmo dragón», afirma o director en relación á lenda deste mostro lendario vinculado á tradicional festa da Coca de Redondela. Segundo conta o relato, o dragón que moraba na illa de San Simón secuestraba e violaba as mulleres ata que o pobo o vence. «O dragón hoxe segue atacando vilmente», lamenta Vilar en referencia á violencia machista.

A protagonista é a actriz Grial Montes, de 22 anos. A intérprete, como a maioría das 28 persoas que compoñen o elenco, proveñen da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), no PAU de Navia. Laura Míguez encarna a amiga da protagonista e Santi Prego o marido. Antonio Durán «Morris» será o inquisidor. Tamén gozaremos dos talentos de Mela Casal, Melania Cruz, Sheyla Fariña, Fran Lareu, Mabel Rivera, Jorge Varandela

A rodaxe en Vigo

A illa de Toralla, onde se sitúa o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, é un dos escenarios escollidos. Aí reproducen o laboratorio que se atopa na illa, «un dos máis vangardistas e importantes do mundo», tal e como sinala o cineasta, que resalta ademais a investigación que nel se realiza sobre como alimentar os polbos en catividade, un animal que para Vilar simboliza o que nos une no país, en referencia ao polbo á feira.

Máis un filme en galego

O 17 de maio de 2020 proxectarase en todos os cines de Vigo a película. Trátase dunha data cargada de significado ao ser o Día das Letras Galegas e un director cuxa obra cinematográfica está rodada case integramente na nosa lingua. «O único cine galego que existe é aquel que se roda en galego, o demais é outro tipo de cine, nin mellor nin peor, pero diferente», afirma Vilar. María Solinha sumarase á filmografía do realizador de Petín: Sicixia (2016), A esmorga (2014), Vilamor (2012), Pradolongo (2008), Un bosque de música (2004) e Ilegal (2003).

Quen foi María Soliña?

REVISTA ABRIL

Na vila de Cangas morou María Soliña a cabalo dos séculos XVI e XVII. Ao enviuvar, herdou grande cantidade de bens e o dereito de presentación sobre dúas igrexas (consistía nun poder que lle permitía adquirir unha parte dos beneficios que xerasen ambos os dous templos e mesmo podía decidir quen gobernaba neles). O sistema non podía consentir que unha muller ostentase poder e desexaba facerse con ese dereito de prestación. Con tal motivo, a Inquisición acusouna de bruxería, despoxouna dos bens e do dereito de presentación. Apúntase que foi capturada e que en Compostela a torturaron ata facela confesar ser bruxa. Algunhas teorías afirman que morreu empobrecida e soa; outras, que foi queimada nunha fogueira. Converteuse en todo un mito de muller valente e protagonizou poemas e cancións. Agora, dá o salto á gran pantalla.

Por Alberte Mera

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro 2019. Faite con ela de forma gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

The following two tabs change content below.

Alberte Mera

Coa paixón na comunicación, o audiovisual e o deseño, Alberte Mera é consultor de comunicación en Vigo, cidade onde naceu no 87. Despois de licenciarse pola UVigo en Comunicación Audiovisual, ampliou a formación co Máster en Comunicación e Industrias Creativas e co certificado de profesionalidade de Márketing e Comunicación. Ten dirixido varias longametraxes documentais e colabora na organización de iniciativas sociais e culturais.

Últimos posts de Alberte Mera (ver todos)