Flores perennes
Antía, Nuria e Uxía son tres mulleres moi diferentes entre si. Antía deixou o mundo da enxeñería hai un trienio, na busca dunha formación máis artística e creativa. Foi entón cando coincidiu con Nuria, xoieira e xemóloga, que levaba anos especializándose no mundo da sombreirería e os toucados á medida. Para completar a tríade, a elas uniuse Uxía, unha deseñadora gráfica que dedicaba a maior parte do seu tempo ao mundo da restauración. Cando os seus vieiros se encrucillaron, trianguláronse rumbo a unha aventura na que fixeron do mundo rural o seu obradoiro, sen medo, deixando a un lado os escrúpulos para manchar as mans.
Todo o anterior deu en agromar Las flores de Greta, un proxecto dedicado ao desenvolvemento e coñecemento da técnica do ecoprint, que consiste en trasladar os pigmentos de follas e flores a tecidos de orixe orgánica, sempre dunha maneira respectuosa co medio ambiente. Esta iniciativa xorde da necesidade de experimentar un cambio vital, iniciando unha marca en consonancia co desenvolvemento sustentable dentro do mundo téxtil, tendo como valor o respecto pola natureza, traballando cada día no coñecemento, o desenvolvemento e a investigación da devandita técnica.
A colección máis especial e personalizada que nos ofrece a firma é a liña de noivas. A través dela, dan a opción á noiva de transferir o seu ramo, no canto de secalo ou deixar que se perda, a unha peza de seda. Sen dúbida, un marabilloso recordo útil e único das flores do seu día. Na web lasfloresdegreta.com atoparemos outra liña de produtos, máis sinxela, para o uso cotián. Anímate a coñecer os misterios do monte da mand esta iniciativa e atoparás bolsas, fulares, panos… anaquiños de natureza cargados de vida, que florecen en calquera estación.
Greta é, asemade, unha e todas as mulleres, do mesmo xeito que Antía, Nuria e Uxía; diferentes, pero con características en común. Las flores de Greta leva o campo á cidade, vive baixo o sol e empápase de chuvia, conseguindo que o caduco se volva perenne. Agora que xa a coñeces, non che gustaría encherte de flores?
Por Estela Gómez
[Este artigo pertence á revista A movida de Novembro de 2019 Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Nove ideas de regalo local - 5 Decembro, 2024
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024