ASNEVES
REVISTA MAIO

Novidades musicais viguesas de abril

Continuamos coa nosa recompilación de novidades musicais de Vigo e contorna.

Rebeliom do Inframundo con Fillas de Cassandra | G. Montenegro

‘Sertraline’ é o primeiro adianto do novo disco de Isius que, como se pode ver no vídeo, foi gravado nos míticos estudios londinenses de Abbey Road. Neste cuarto álbum presentan o seu novo concepto de música; máis cañero, con máis guitarras e con temas máis curtos que non superan os dous minutos de duración.

Álex Cassen presenta YO NO, o segundo adianto do seu EP debut. Nesta ocasión, o artista sorpréndenos cun corte pop cheo de sons épicos e melodías pegadizas. Álex Cassen canta sobre o desamor nunha canción que desborda intensidade e dramatismo, deixando claro todo o que non faría.

A banda viguesa máis mediática en redes sociais vén de publicar o seu primeir disco, Welcome to Brokenland. Trátase dun dobre CD de cancións propias, gravadas tanto en inglés como en castelán. O último sinxelo foi ‘Dancefloor’. Preme aquí para escoitar o disco enteiro.

Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra veñen de asinar a súa primeira colaboración, ‘Contra vento e marea’. O tema preséntase como un arrebatador, cómplice e fascinante xogo de contrastes entre dúas formacións esenciais na actual escena da música galega. O sinxelo demostra que a confluencia entre as dúas bandas que agromaron en Vigo é natural, enriquecedora e proveitosa para a música do país.

Moduladores é unha banda formada por vellos coñecidos da escena viguesa: Javier Soto (ex Siniestro Total) á guitarra, Nico Rodriguez (Mad Martin trio) á batería, Pablo Muñiz (ex Camarada Nimoy) ao baixo e Paulo Pascual (Camarada Nimoy, Modulador de Ondas) á guitarra, theremin e teclados. ‘Volcánica’ é o primeiro adianto do seu disco debut.

Ola de Calor é unha banda emerxente nacida en Tui no verán de 2002 que vén de sacar o seu primeiro sinxelo ‘Chica de provincia’. Formada por catro rapaces de vinte anos que habitualmente tocaban versións nos bares e salas da comarca, lánzanse agora neste proxecto de publicar música propia que levan preparando estes anos.

O saxofonista e compositor vigués Diego Alonso lidera Nihil, un proxecto de jazz que desenvolve xunto a Pablo Patiño ao contrabaixo, Antón Quintela á batería, Xan Campos ao piano e Virxilio da Silva á guitarra eléctrica . Nihil é un álbum con seis composicións orixinais acompañado de seis ilustracións de Pablo Patiño Moledo. Buscan financiamento mediante un crowdfunding na plataforma Goteo.

O dúo de hip hop vigués Vértebras, formado por Ika Subversiva e Amari, publicou en marzo o seu primeiro disco, 42 gramos. Fronte aos discursos baleiros e á predominante analoxía en canto a sonoridades que semella impoñerse na escena musical máis manistream, Vértebras postulan no seu debut un disco de hip hop explícito, reflexivo e impregnado de rabia e conciencia no conceptual, á vez que excitante, desprexuízado e poliédrico no musical. Escoita aquí o disco completo.

Flores y diosas é o primeiro disco en solitario de Manu G. Sainz, exmebro de bandas como Selvática e Indómitos. Podes escoitar o disco completo premendo aquí.

Último single do seu novo proxecto En Blanco, que leva por título ‘X’, antes da saída do disco completo, o próximo mes de maio: “É a canción que máis me emociona do disco, e probablemente a parte máis delicada do poema ‘Blanco’ de Octavio Paz”.”, di Román. Acompáñana uns visuais que, do mesmo xeito que para as outras cancións do disco, foron realizados por Studio Fai, seguindo as indicacións, en canto a formas e cores, marcadas polo propio Octavio Paz cando tivo a idea de presentar o poema ‘Blanco’ en vivo.

‘Fobofobia’ é a canción máis escura do repertorio de Litus, coñecido por ser a voz da banda de Late Motiv. Nesta ocasión está acompañado pola Orquestra de Cámara Terrassa 48 e por Iván Ferreiro.

Nova canción de Pablo Mandó, membro de Cool Cucumbers e The Parguels.

Canciones para bailar é o novo disco de Santi Araújo. Un traballo que se define a si mesmo no título, cun estilo diferente máis alegre e desenfadado que o do seu predecesor. Preme aquí para escoitar o disco completo.

Un ritmo endiablado é o que nos traen Carlangas y los Cubatas, banda formada polo exlider de Novedades Carminha e o grupo local Mundo Prestigio, que pola súa parte veñen de sacar o seu primeiro disco hai un mes.

A comezos de abril publicouse Guerra, o segundo disco de Youcanthide, banda formada por Kaixo e Kings of the Beach que mestura metal, hardcore e rap nunha letras cargadas de rabia e forza. A portada é obra do noso colaborador Juan Teixeira. Preme aquí para escoitar o disco completo.

O músico local Dani Stoyka publica o EP de tres cancións Death’s Good Taste.

O cantautor Juan Castro, o que foi líder da banda Maldito Murphy, publica o segundo tema do seu proxecto en solitario: ‘Cuando ya no queda nada de lo que huír’.

Novo adianto do novo disco de El Último Ciclista, que ten prevista a súa saída a finais deste ano.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.