CANS
XERAIS

‘As Neves’, o thriller adolescente galego con drogas, desaparicións e moito frío

O próximo 10 de maio chega ás salas de cine As Neves, un thriller dramático adolescente ambientado na vila galega homónima e escrito e dirixido por Sonia Méndez. A maior parte do cásting está formado por actores non profesionais e a banda sonora corre a cargo de Andy Bell, membro de Oasis, Ride e Beady Eye.

Esta fin de semana coñecimos a noticia de que a poeta e activista Luz Fandiño falecía aos 92 anos. Hai catro anos a directora Sonia Méndez retratouna no documental A poeta analfabeta, filme que tivo unha boa acollida entre a crítica e o público e que daba a coñecer a unha muller fascinante e única. Esa foi a última longametraxe da directora ata agora, que volve co thriller psicolóxico As Neves, dispoñible nas salas de cine a partir do 10 de maio.

As Neves é un thriller dramático adolescente protagonizado por Andrea Varela e David Rodríguez Fernández, a quen xa coñecemos pola súa participación en Live is Life. A película cóntanos a desparición de Paula despois de celebrarse unha festa de Entroido na que non faltaban o alcol, os cogomelos alucinóxenos e un vídeo íntimo dela que vai chegando aos móbiles de todos os seus amigos. Ao día seguinte, a neve cubre a aldea e as montañas, dificultando as tarefas de busca.

O apartado visual do filme é un dos seus puntos fortes, mostrando unhas paraxes nevadas de gran beleza. A vila e a súa contorna son un personaxe máis. A tensión propia do thriller e o branco da paisaxe poden lembrarnos ao Fargo dos irmáns Coen, substituíndo a comedia negra polo drama adolescente. O elenco de gran xuventude é outra das notas positivas de As Neves, e máis tendo en conta que todos, agás o amentado David Rodríguez, son actores non profesionais que debutaban diante da cámara. Todos, algúns máis que outros, desprenden naturalidade e boa compenetración entre eles.

A directora, que foi adolescente na década dos noventa, admite que a dualidade entre a vida dixital e analóxica foi o punto de orixe desta historia, na que tenta afondar en ambos paradigmas. Unha sociedade hiperconectada que, á súa vez, vive nun lugar illado, máis aínda cando o temporal os deixa sen cobertura. A importancia do móbil nas súas vidas, e os riscos que isto implica, é un dos eixos centrais da película. Méndez, a través da directora de fotografía Lucía C. Pan, aposta polos planos pechados para que o espectador logre empatizar coa rapazada, obxectivo que non sempre consegue.

Quizais na diferenza entre a idade dos protagonista e de quen escribe estas liñas está o motivo de que o filme non acabe de fluír. Ao longo da metraxe, e malia ao esforzo da autora, cústame empatizar con moitas das decisións que toman os personaxes. Que policía entra nunha clase e lles pregunta ao alumnado se se drogaron na festa da outra noite? Os rapaces só pensan en ver porno? Está a xuventude tan falta de empatía? Ver a unha serie de rapaces facendo bromas, bebendo e bailando cando a súa amiga leva varios días desaparecida (filtración de vídeo íntimo de por medio e cun temporal atroz fóra) é algo que me custa dixerir, por moi despreocupados que sexan.

Tamén detecto un par de americanadas, ese tipo de cousas que vemos como normais na pantalla do cine pero que en realidade só acontecen nos filmes estadounidenses, como saír no medio da noite e cun frío do demonio, botella de alcol en man, a vagar polo bosque en plan atormentado; ou tirar todas as cousas que hai enriba da mesa porque estamos moi furiosos. O desenlace, algo predecible, pareceume tamén rocambolesco, máis propio dunha serie como Élite que dun filme que aspira a ser serio. O que si que me puxo tenso foi comprobar que todas as persoas de As Neves teñen o teclado do móbil e as mensaxes de Whatsapp con son, algo que pensei que estaba superado coa xeración Z. Volvendo as necrolóxicas: a semana pasada tamén finou o director francés Laurent Cantet, quen no filme Entre les murs (2008) deu unha clase maxistral, nunca mellor dito, de como retarar a un grupo de adolescentes.

En definitiva estamos ante un filme desfrutable, de moi boa factura e ben intepretado. Algunhas lagoas de guion, ou o que eu considero elementos pouco coherentes, pexan unha película que podería ser un bo thriller psicolóxico adolescente, a medio camiño entre o cinema de autor e o comercial (dentro do circuíto galego, claro). Por suposto, non é obrigatorio empatizar cos personaxes para que un filme funcione, pero sempre é positivo entender as súas motivacións, e aquí cústame moito. Por recurrir ao título da obra, As Neves deixoume un pouco frío.

REVISTA MAIO

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.