‘O Corno’, a gañadora da Cuncha de Ouro, en cines a partir do mércores
A finais do pasado mes de setembro O corno de Jaione Camborda foi galardoada coa Cuncha de Ouro en San Sebastián, o maior galardón do prestixioso festival de cinema. Por se fose pouco, trátase do primeiro filme da historia nunha lingua cooficial de España que consegue este premio.
O dez minutos iniciais de O corno non deixan moito lugar a dúbidas: estamos ante unha obra crúa, sen miramentos. Iso non implica que estea exenta dunha beleza e dun lirismo penetrante. Estamos na Illa de Arouse, en 1971. María (Janet Novás), gaña a vida como mariscadora, pero tamén é coñecida na aldea polo seu bo facer como matrona nos partos. Un feito inesperado obrígaa a fuxir da súa casa e buscar acubillo ao outro lado da fronteira, en Portugal.
Polo seu ritmo e ruralismo poderiamos encaixar o filme neste movemento que se veu chamar Novo Cinema Galego hai xa case vinte anos, pero O corno é (afortunadamente) máis ca iso. Foxe de vellas fórmulas gastadas e ofrece personaxes que pagan a pena (Janet Novás está espectacular, tamén Siobhan Fernandes), diálogos interesantes e xiros que te manteñen coa vista fixa na pantalla.
A diferenza doutros filmes con guion da propia Camborda, como a fallida Ons de Alfonso Zarauza, aquí o drama intimista é só un elemento máis da película, pero non o único. Aquí hai tamén romance, intriga e cine social. E, sobre todo, diálogos, algo tan escaso en gran parte do cinema galego dramático. Polo xeito de filmar naturalista e a case total ausencia de música, O corno achégase ao documental. En definitiva, unha delicada road movie que xira arredor da sororidade, dos coidados entre mulleres nun mundo complexo e hostil.
Polo momento está confirmado que o filme se proxectará nos Multicines Norte, Cines Tamberlick (en ambos cinemas a directora estará presente este xoves 12) e Gran Vía Cines.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024