Vigo, cidade de cor: Tremzeroner
31 de decembro de 1968: a cidade prepárase para o Aninovo, ao tempo que os tranvías que transitaron o solo urbano durante 54 anos se despiden nunha derradeira viaxe camiño das cocheiras situadas na avenida da Florida. O alcalde Rafael Portanet decidiu que esas emblemáticas carruaxes, noutrora símbolo de tempos modernos, eran cousa do pasado e que o futuro estaba nos autobuses. De non ser por tal arroutada, quen sabe se a día de hoxe non seguiríamos desfrutando dos marabillosos tranvías eléctricos de Vigo, que tan emblemáticos foron no seu tempo?
Esa mesma dúbida debeu de roldar polo caletre do artista Tremzeroner, que quixo homenaxear os tranvías como mellor sabe: pintando na rúa. Isto acadouno grazas a ser o gañador da terceira Batalla Mural do programa municipal «Vigo, cidade de cor», organizada en 2021 dentro das IV Xornadas de Arte Urbana, obtendo como premio a disposición dunha medianeira para pintar. Este francés asentado en Gondomar tiña claro o que quería facer, polo que non quedaba máis que poñerse ao choio para reivindicar un medio de transporte icónico e sostible, venerado en cidades como Lisboa, Milán ou Xenebra, namentres que aquí foi desterrado polo arrouto dun alcalde durante o período franquista.
O mural está pintado á altura do número 8 da Primeira Travesía de Barreiro.
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023