CASAACUNHA

Vigo cidade de cor: Mon Devane

Falamos desta volta con Mon Devane, artista urbano nado en Ourense, e que leva enganchado ao aerosol desde o 2003. Comezou cun estilo graffiteiro máis propio da vella escola, pero axiña atopou o seu propio camiño, que o levou cara a un fotorrealismo monocromático no que emprega escalas de cores para formar luces e sombras cheas de forza presididas por miradas penetrantes. Seguramente con esta definición xa identifiquedes a súa obra, sobre todo se vivides en Coia; no corazón deste gran barrio obreiro (na rúa de Bueu, para sermos exactos), pintou hai uns meses e en escala XXL a última ostreira da cidade, como xa vos contamos no número do mes de San Xoán. E a poucos centos de metros, na rúa de Tomás Paredes, xa pintara un par de murais que xa coñeceredes.

O que igual non se coñece tanto é a historia que hai detrás: «Tiña moitas ganas de retratar o costume galego de ir de viños, esa nosa tradición de beber en bares e bodegas. Gústame retratar tradicións da nosa terra e esa foi a idea que me apeteceu plasmar. Para iso, fixen un traballo de rastrexo de imaxes na internet, e atopei esas imaxes do fotógrafo arousán Óscar Vífer, ao que lle agradezo enormemente cederme o material que utilicei para traballar. As fotos corresponden á festa do viño do Salnés, comarca especialmente coñecida polo tinto de Barrantes, ese que deixa a cunca ben emborreada. As imaxes encaixáronme perfectamente para o que quería transmitir. Foi un traballo co que quedei moi contento polo resultado final e pola resposta que percibín por parte dos veciños. A todo o mundo lle encantou a idea de plasmar ese acto», asegura o autor.

Os personaxes retratados por Mon Devane son dous membros do xurado da Festa do Viño Tinto do Salnés, que catan e elixen os mellores caldos do ano. Para o artista este mural foi moi especial xa que, ademais do bo sabor de boca que lle deixou e do éxito entre a veciñanza, veu cunha cunca debaixo do brazo: «Este ano chamáronme para nomearme oficialmente valedor da flamante Orde do Viño Tinto do Salnés, por facer difusión do seu produto, o que me fixo moita ilusión. Regaláronme o traxe típico da cerimonia e fixéronme entrega dun diploma e unha medalla que me validou con ese  título honorífico. Quen mo ía a dicir cando se me ocorreu a idea!».

Banner A Movidiña

O MURAL DE MON DEVANE ESTÁ NO NÚMERO 60 DA RÚA DE TOMÁS PAREDES.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)