PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Sam3

Sam3 é un artista nado en Elxe, cun concepto moi persoal da arte. As obras que asina xogan coa provocación e a ironía, e transmiten un fondo poético e conceptual. O seu estilo é fácil de recoñecer polo uso a grande escala de siluetas en branco e negro e de formas simples e limpas. Como el mesmo asegura: «Gústame escarvar nas esencias fóra de todo artificio nunha sociedade que xa de seu é moi artificial e na que sufrimos unha saturación do virtual. Hai que volver ás orixes. Esas sombras permítenme pintar rápido nesas proporcións e o que me interesa realmente delas é a súa pegada, o que queda».

Debido a esas ganas de fuxir da arte tradicional e deixar a súa marca visible, Sam3 sempre tivo claro que o seu era pintar en espazos públicos: «Os artistas plantan árbores. Nós, os da rúa, creamos animais, con patas, con vida e destino propio. É como falar en público. Unha parede é un ser vivo». Por esta razón viaxou por medio mundo, participando nunha morea de festivais artísticos como o que o trouxo a Vigo para crear a obra que nos ocupa: «cando se convoca un festival de murais créanse novos lugares que o cidadán pode visitar e descubrir o que alí hai, desde un bar ata un parque. Os museos teñen que existir. pero non deixan de ser cemiterios, lugares nos que a memoria descansa e onde o que ten máis diñeiro coloca a lápida máis grande».

Moitas das súas obras están dominadas por elementos figurativos en metamorfose. As raíces fantasmagóricas que nacen dos corpos dos protagonistas son recorrentes ao longo da carreira deste artista, do que é unha mostra o mural da rúa de Serafín Avendaño. No entanto, para comprender o que significa, o mellor é buscar a obra, situarse perante ela; como o propio autor mesmo reflexiona ao respecto: «se puidese explicar con palabras o que quixen expresar no momento coa pintura, acabaría escribindo un poema, unha narración ou respondendo a unha pregunta sobre a parede».

O MURAL DE SAM3 ESTÁ SITUADO Á ALTURA DO NÚMERO 18 DA RÚA DE SERAFÍN AVEDAÑO.

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A Movida de decembro de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)