PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Vigo, cidade de cor: Popay

170 horas de traballo repartidas en 30 días, e máis de 800 boquillas para 200 botes de aerosol. Estes son os datos detrás da incrible que asina en Bouzas o artista Popay e que é, sen dúbida, o máis grande crebacabezas multicolor de toda a cidade. Unha peza única en moitos aspectos, da que o propio autor declarou ao que acabou de compoñela: «É a mellor e máis grande obra da miña vida, polo de agora». Iso é moito dicir para un artista da súa transcendencia, con máis de tres décadas de traballo no lombo, que concibiu desde un principio esta pintura como algo especial: «Quería que non se entendese nada ao lonxe, para obrigar a que o espectador se acheguase ao muro; non me interesa tanto aproveitar unha parede grande para acrecentar algo que é pequeno, senón aproveitar para facer milleiros de cousas pequenas tecendo algo grande».

            Por loucuras coma a de este mural, este artista barcelonés nado co nome de Juan-Pablo de Ayguavives é considerado un mito no eido da street art. Comezou revolucionando a escena do graffiti parisiense a finais dos anos 80, aplicando novas técnicas e referencias ao impresionismo francés, ata popularizar e anovar o xénero. Na década dos 90 xa era todo un referente. A pesar do éxito acadado, soubo manter a espontaneidade e liberdade que o caracterizou dende o principio da súa carreira, desmarcándose de calquera catalogación ou integración en ningún movemento. Polo camiño experimentou con medios dixitais e todo tipo de disciplinas artísticas para crear ilustracións, portadas de discos, impresións fotográficas ou proxeccións de vídeo.

            Popay sempre volve á rúa e sempre o fai innovando. Tal é o caso do xigantesco mural que cos seus poliedros coloristas nos hipnotiza na avenida da Atlántida: un traballo racional e asemade ilóxico, atolado e concienciudo, excéntrico e deliberado.

O mural está á altura do número 52 da avenida da Atlántida

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro de 2020. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

VINA COSTEIRA
The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)