REVISTA ABRIL

Vigo, cidade de cor: Lula Goce

Un dos murais talvez máis coñecidos dentro do programa Vigo: Cidade de cor é o sito na rúa de San Gregorio. Alí podemos ver dous rapaces, unha nena e un neno, a grande escala, con xesto serio, mirada inquietante e elementos vexetais no colo. A culpable desta obra que ten marabillada á veciñanza é unha baionesa cada vez máis internacional, Lula Goce. Ela mesma explica o significado da obra: «O muro de San Gregorio fala da necesidade de coidar das nosas contornas naturais, de plantar, de mirar cara á natureza como único futuro posible para os nosos fillos. Sen natureza non podemos vivir, nós somos parte dela, e é algo de suma importancia que sexamos conscientes diso, de aí as expresións graves e serias dos nenos, é unha cuestión seria; necesitamos convivir coa natureza, ter espazos libres de coches e contaminación, reciclar, consumir menos e un longo etcétera».

A artista lembra esta obra non só pola boa acollida que tivo, senón tamén polas anécdotas durante a realización: «O guindastre non chegaba ata a esquina superior esquerda así que, no canto de traer outra máquina máis grande, a empresa encargada da xestión trouxo unha pa e literalmente rebentou o terreo, facendo un cráter no medio do solar, quedei alucinada. Eu intentando reivindicar o coidado da natureza e véñenme coa solución máis agresiva coa contorna, non ten sentido. Despois, o pintor de fondos que contrataran para preparar a parede, e que tampouco conseguira chegar ata a esquina de arriba, veu rematar e borrou a cara do neno pintando por riba, imaxina como quedei cando volvín á mañá seguinte…». 

REVISTA ABRIL

Lula vive coa alma dividida entre dúas paixóns, os muros e os lenzos: «Son amores diferentes; cos muros os tempos son moi curtos, hai que ser práctico e efectivo, aínda que hai marxe para experimentar. A relación coa contorna é indispensable e parte do proceso. Relaciónaste coa xente mentres pintas, estás a expensas das inclemencias do tempo, do estado previo da parede, do tipo de pinturas que che brindan etc. Hai moitos condicionantes externos que inflúen no resultado. Cos lenzos o vínculo é máis de ti a ti, ou de eu a eu, (risos)». O que ten claro é que tras descubrir as bondades da arte nas rúas, xa non hai volta atrás:  «Para min a arte urbana é unha forma de vida, un soporte, unha comuñón co espazo e cos seus habitantes. É regalar algo de ti para que eles vaian  alén do cotián». Pois grazas polo regalo, Lula!

Texto e fotos: Juan Teixeira

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Novembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)