CAMELIAS MASCOTAS

Vigo, cidade de cor: Kraken

Toda aquela persoa que pasa pola avenida da Beiramar pode sentir a maxestosidade do Kraken que alí habita desde o 2017. Canso de ser o prato típico que enche os bandullos dos galegos, este polbo de proporcións épicas rétanos coa mirada desde altas profundidades. O culpable é Delio Rodríguez Ces, artista local que, grazas ao programa Vigo Cidade de Cor deu vida a este ser mitolóxico. «Quixen que a idea tivera relación co mar e con Vigo. Inspireime no tema da lenda do Kraken e a historia dos galeóns de Rande mencionados por Xulio Verne, presenteinas adaptadas como un polbo xigante que asoma entre os edificios xunto cos restos de barcos afundidos. Así tamén é una homenaxe ao polbo como icona da gastronomía galega» asegura o autor, que garda un grato recordo desta obra: «Tiven a sorte de dispoñer dun gran descampado xunto ao muro no que recibía visitas inesperadas de amigos e familiares, e que me permitiu traballar acompañado do meu can, que fixo de garda e compañeiro durante o proceso. Tamén coñecín a Flo, un home que vivía daquela nese terreo, co que fixen amizade e que, de boa gana, me axudaba vixiando os materiais e o guindastre durante as noites».

REVISTA NOVEMBRO

Desde o ano 95, Delio está dedicado en corpo e alma á súa gran paixón, e así o expresa coas súas verbas: «esta actividade permitiume plasmar os meus debuxos en escalas máis grandes e formatos diferentes ao papel, tamén espertou en min o interese polas artes visuais e polas experiencias que xorden do feito de intervir no espazo urbano, ademais da súa interacción social. Co tempo converteuse nun hábito e nun modo de vida que me fai gozar do meu traballo e viaxar pintando». Esperamos que siga moito tempo a desfrutar deste modo de vida que tanto achega á cidadanía. 

Atoparás o mural de Delio Rodríguez Ces na Avenda Beiramar 129.

[Este artigo pertence á revista A Movida de xaneiro 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Juan Teixeira é un fotógrafo documental con sede en Vigo. Cursou estudos de Publicidade e RRPP, pero pronto se decatou de que aquel non era o seu lugar. A través dunha serie de viaxes por Sudamérica e o sueste asiático, observou que a fotografía era unha forma de relacionarse e explorar o mundo dun modo moi persoal, coma un espectador que intenta comprender o que sucede ao seu redor. Desde entón intenta comprender ese mundo que o rodea, centrándose nas persoas e as súas relacións con outras persoas, coa sociedade, a natureza e o tempo e o lugar que a cada unha lles toca vivir.

Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)