Vigo, cidade de cor. Expostas, Vanesa Álvarez
Vanesa Álvarez (Vigo, 1983), titulada en Artes Plásticas e Deseño, traballa como deseñadora gráfica desde hai catorce anos, tanto na súa onda máis comercial como colaborando para artes escénicas, performance, poesía e arte urbana. Esta última faceta é unha das que máis lle atrae: «O carácter democrático da cidade como soporte artístico sempre me fascinou. As accións a pé de rúa, estarcidos e pegadas, con significado poético ou social. En 2010, nunha acción artística na rúa Irmandiños, caín na conta de que quería explotar o territorio urbano como medio de expresión. Despois, cada vez máis muros e cada vez máis intervencións».
A dificultade para poder vivir exclusivamente da arte obrigou a esta viguesa a diversificar e buscar alternativas, o que a levou por exemplo a rexentar o mítico local La Fiesta de los Maniquíes, en Churruca, pechado a primeiros de ano. Agora esta situación comeza a cambiar, como ela mesma admite: «Moi poucos viven da arte hoxe en día. O xenial do muralismo é que consegue que moitos que non estamos ao cen por cento no circuíto de feiras e galerías poidamos facelo. No meu caso, hai cinco anos, cando comecei a pintar murais, o diñeiro que gañaba por isto era anecdótico; o meu soldo viña do meu traballo como deseñadora gráfica. Agora podo dicir que o cincuenta por cento da miña facturación anual vén de pintar… Imos progresando».
O feminino plásmase na súa obra como unha forza visionaria, con ecos de Marina Abramovic, Bárbara Kruger ou Cindy Sherman, reivindicando a figura da muller loitadora e sofisticada. Precisamente esa reivindicación é a que a levou, canda outras compañeiras, ata o proxecto Expostas, que avoga pola reflexión sobre a imperiosa necesidade de reapropiación do espazo público por parte das mulleres, como artistas e como colectivo representado: «Queremos dar visibilidade ás mulleres a través da arte urbana, plasmando en muros a mulleres reais, con historias reais que están vivas agora mesmo. Acompañamos o muro de entrevistas e documentación. A primeira edición de Expostas foi o ano pasado, no muro do Pavillón do Berbés, en contra da violencia de xénero. E este ano realizamos en Beiramar unha homenaxe ás mulleres da conserva».
Texto e fotos: Juan Teixeira
[Esta entrevista pertence á revista A movida de Setembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023