Vigo, cidade de cor: Antonyo Marest
Falamos do artista alacantino que nas últimas datas vén de traballar por medio mundo co seu particular estilo tropicalista: Antonyo Marest. 2017 foi o ano do seu auxe, con importantes retos artísticos, como pintar o patio dun hotel madrileño con catro murais de 240 metros cadrados ou unha pista de skate de 1.800 metros cadrados en Rabat, Marrocos. E 2018 foi o ano da súa ratificación, con traballos en Corea do Sur, EUA, Italia, Rusia… Pero sobre todo interésanos Vigo. Na nosa cidade, Antonyo deixou o seu cuño tropical nunha medianeira de sete andares na avenida de Castrelos sostendo que «Vigo é unha cidade que, ao igual que a maior parte do norte do Estado español, vive nubrada todo o ano, e creo que precisaba ese toque tropical». Para desfacer un tópico talvez asentado de máis na costa mediterránea, convidámolo a coñecer o microclima solleiro da nosa urbe nunha vindeira visita, cumprindo cun desexo que el mesmo expresa: «Trátase dunha cidade que me gustaría coñecer mellor, espero volver axiña porque se come xenial».
A obra do autor identifícase e dixírese de xeito moi sinxelo. El mesmo di que está influenciado polo espírito mediterráneo a través do que conxuga elementos xeométricos, cores planas e figuras recoñecibles como palmeiras e flamengos «que nunca poden faltar: o flamengo como símbolo do culto ao sol e a palmeira, de resistencia ante calquera tempestade». Obra para todos os públicos, que tropicaliza un pouco a avenida de Castrelos.
O mural de Antonyo Marest está situado na avenida de Castrelos, 129.
Texto e fotos: Juan Teixeira
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Febreiro de 2019. Podes consultar o número completo neste enlace. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Juan Teixeira (ver todos)
- Vigo, cidade de cor: Ana Langeheldt - 25 Outubro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Milu Correch - 12 Febreiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Marta Lapeña - 26 Xaneiro, 2024
- Vigo, cidade de cor: Maz - 24 Novembro, 2023
- Vigo, cidade de cor: Alba Fabre - 10 Outubro, 2023