Vigo baila para celebrar o Día Internacional da danza
Reivindicar a quinta arte como unha disciplina plural é o obxectivo do Día Internacional da Danza. En Vigo, as escolas e grupos de baile enchen esta fin de semana de ritmo os teatros e rúas de diferentes barrios. (Texto: Ana Costa)
Esta fin de semana, Vigo está cheo de espectáculos e actividades para festexar o Día Internacional da Danza, un día proclamado pola UNESCO en 1982 e que corresponde ao nacemento do bailarín e coreógrafo francés Jean-Georges Noverre. En vigo podemos vivilo de diferentes xeitos, desde competicións ata clases de lindy hop e programación no Auditorio Municipal.
Vigo Porté
Durante os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio o Auditorio Mar de Vigo acollerá a celebración da terceira edición do Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo nas diferentes categorías: mini, infantil, junior e absoluta e coas seguintes disciplinas: clásico, folclore, fusión, lírico, musicais + BSO e urbano. Consulta aquí a programación completa.
Vigocultura
Como cada ano, Vigocultura achéganos dous espectáculos: Tabú, unha actuación para adultos o venres ás 20:00 h e Loop, para os máis pequenos, o domingo ás 18:00 h. Ambos no Auditorio Municipal do Concello.
Teatro Gorrilla
Noa Covelo interpreta unha peza de autoficción protagonizada por unha actriz chegando aos 30, baixo o nome de Non sabía que facer coa dor e dancei .O venres 28 ás 20:00 h, na Casa de Arriba.
Danza nos barrios
Para seguir a tradición a Asociación de Centros Deportivos e Culturais e o Concello de Vigo organizan o sábado 29 ás 19:00 h tres actuacións simultáneas en tres puntos da cidade de danza tradicional acompañadas de banda en directo. Na rúa do Príncipe actúa Froles Novas; na praza do Emigrante, Corisco e na peonil do Calvario Andarela. Programación completa aquí.
Danza con Galicia e Arxentina
A Deputación de Pontevedra celebra o Día da Danza cunha alianza entre as culturas galega e arxentina. Trátase dunha peza bailada por 9 mulleres en escena, reivindicando a diversidade dos corpos. O venres 29 diante da sede da Deputación en Vigo, ás 19:00 h.
Perder a lingua
Proxecto escénico transmedia, onde a danza, a música e as artes visuais compoñen a narrativa da peza. Perder a lingua trata da fala a través dos sons, do corpo e das imaxes. O sábado 29 ás 20:00 h en A Artística, con entrada inversa.
Baile con Swing On
A Asociación de Veciños do Calvario e Swing On imparten unha clase de lindy hop, aberta a todo o mundo seguida dunha sesión de baile libre. O sábado ás 20:00 h, diante do Mercado do Calvario