Vigo acollerá o festival internacional de cine Marengo Fest
Entre o 7 e o 10 de maio Vigo recibirá a primeira edición de Marengo Fest, un novo festival de cine internacional centrado na proxección de curtametraxes e na celebración de actividades paralelas e que repartirá 30.000 euros en premios. A súa sede principal será o Auditorio do Concello.
Estes días teríamos que estar asistindo ao Primavera do Cine, festival decano da sétima arte en Vigo, especializado en audiovisial galego e lusófono, que hai poucas semanas coñecimos que non celebrará a súa decimosegunda edición por falta de recursos. A cambio, presenciamos o anuncio de Marengo Fest, un novo festival de cine internacional que quere “convertir Vigo nunha cidade de cine e promocionala como destino turístico, cultural e de ocio” co apoio do Concello de Vigo. A de Vigo non é a primeira presentación de Marengo Fest, que xa se anunciou en xaneiro no concello de Guardamar del Segura, Alicante, con idéntica programación, e onde nunca se chegou a celebrar.
Marengo Fest celebrará a súa primeira edición en Vigo entre o 7 e o 10 de maio do próximo ano, estará centrado na proxección de curtametraxes e promete que unha das patas fundamentais do certame será sacar o cinema das salas, achegándoo aos vigueses a través de actividades paralelas. Malia que ainda quedan moitos meses para a súa celebración, xa teñen definidas algunhas delas, como a proxección de filmes mudos en diferentes puntos da cidade; a proxección de Siete mesas de billar francés coa presenza da súa directora, Gracia Quejereta; a convocatoria dun concurso para deseñar o seu cartel, unha ruta de tapas cinéfilas, concertos e concursos de guión e curtametraxes para a mocidade. Tamén se impartirán cursos especiais de interpretación ante a cámara e rodaxe de curtas na escola ACT Galicia.
A dirección do festival está a cargo do director da escola Actores Madrid, que conta con sede en Vigo, Manuel Hernández, e da actriz valenciana Carmen Aldeguer. Como nexo galego, contan no equipo coa actriz Estíbaliz Veiga, que será a encargada de presentar as galas e actividades. Un dos principais motores desta nova cita cinéfila será a presenza de actores e directores que traballan como profesores na escola madrileña, como Pedro Alonso, Maribel Verdú, Gracia Quejereta, Carlos Sedes e Miguel Rellán. Algúns deles participarán como xurado ou nas actividades paralelas.
A convocatoria para inscribir curtametraxes está aberta desde novembro de 2023 a través da plataforma Festhome (onde aínda mantén na URL o nome de Festival Internacional de Cine Villa de Guardamar). Tamén está anunciado en Filmfreeway e Movibeta. As curtametraxes deberán ter unha duración de ata 30 minutos, estar producidas no 2022 ou con posterioridade e estar en castelán ou, no seu defecto, contar con subtítulos nesta lingua. Non se contempla a recepción de pezas en galego sen subtítulos en castelán.
Marengo Fest repartirá 30.000 € en premios, dous principais de 7.000 € á mellor curtametraxe internacional e nacional; cinco de 2.000 € ás mellores curtas de terror, animación, lingua galega, temática social e documental; e cinco premios de 1.000 € a mellor actor, actriz, dirección, guión e á favorita do público.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024