ACT Galicia, sementes de interpretación
Detrás dos personaxes que nos conmoven ou nos perturban desde o outro lado da pantalla está o traballo dun enorme equipo de persoas cuxa expresión última se manifesta nos actores ou actrices que os encarnan. O traballo actoral é un soño que algunhas persoas teñen o valor e a coraxe de facer realidade. Para entrar a formar parte do mundo da interpretación, o mellor camiño a seguir é unha boa formación académica que permita chegar cos recursos necesarios e a seguridade precisa aos temidos procesos de casting. Este é un labor que desenvolve ACT Galicia, a escola galega de cinema que desde hai catro anos forma intérpretes.
Unha das vantaxes de estudar en ACT Galicia é o contacto real e constante que os profesores teñen coa profesión, xa que todos traballan como actores, directores, directores de fotografía, dramaturgos… Ademais teñen liña directa con directores de elenco, que acoden a eles na procura de novos intérpretes, con especial atención ao talento infantil, pois a escola naceu enfocada á preparación destas probas selectivas tan duras. Co tempo, a oferta formativa foise ampliando e agora a empresa conta cunha diplomatura anual de interpretación ante a cámara, talleres, clases maxistrais e unha escola de cinema infantil.
ACT Galicia é a única escola no país dedicada a formar menores de idade como profesionais da interpretación diante da cámara. Este bo facer non pasa desapercibido no sector, e David presume da experiencia de varias das súas discípulas; como Uxía, que este verán gravou unha curtametraxe con Fernando Tejero; Nome, que protagonizou un vídeo para a prevención do suicidio ou a recente proba que a escola organizou para a próxima película de Daniel Sánchez Arévalo, que se rodará en Vigo e que contará con algúns adolescentes procedentes da academia. «Aínda que tamén participamos en curtametraxes amateur o foco está sempre posto en que os nosos alumnos consigan papeis en producións profesionais», explica David Alonso, director da escola, actor e o docente encargado de formar os vindeiros Jackie Coogan ou Shirley Temple.
A partir dos 18 anos, ACT Galicia ofrece unha diplomatura de interpretación e casting en cine e televisión, que consiste nunha formación anual de oito horas semanais recomendada para quen xa teña estudos de interpretación e queira afondar no mundo audiovisual, pero tamén para quen se queira iniciar ante a cámara. «A nosa proposta é que os graduados da ESAD de Galicia teñan un centro no que especializarse en interpretación audiovisual sen ter que mudarse a Madrid, co reto económico que iso supón», explica Alonso, que experimentou ese desterro nas súas propias carnes. Sobre o método de ensino, Alonso explica: «A teoría é parte do camiño, pero sempre a acompañamos de moita práctica, pois pensamos que é algo que falta noutras escolas profesionais». Por iso as aulas non teñen pupitres e son espazos diáfanos nos que moverse e montar e desmontar sets de rodaxe. Ademais contan cun estudio fotográfico con paneis, focos, micrófonos e cámaras de cinema profesionais.
A terceira pata da oferta formativa desta escola son os cursos intensivos sobre competencias específicas. O catálogo é moi variado e inclúe formacións en guión, montaxe, dirección de actores, interpretación para profesionais e tamén outros máis curiosos como o de Lindy Hop ou o de comedia stand-up. Todas as formacións están impartidas por profesionais do sector en activo, como os directores Alfonso Zarauza e Anxos Fazáns, o dramaturgo Ernesto Is, as cómicas Arantxa Treus e Jazmín Abuín ou a actriz Melania Cruz. Este mes, o Premio Nacional de Teatro Andrés Lima, director da compañía Animalario, ten unha cita de cinco días en ACT Galicia para impartir unha un taller dirixido a actores e actrices profesionais. Esta formación, chamada «La cualidad», que busca que o intérprete atope, desde a propia individualidade, un método que lle resulte útil á hora de achegarse a un personaxe.
Rúa de Barcelona, 22, local interior | 695 95 94 55 | amvigo@actoresmadrid.com | @act.galicia |
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Al Wahab: cociña sirio-libanesa no centro da cidade - 5 Outubro, 2024
- Oito tendas de moda e creatividade que reinventan o estilo da nosa cidade - 4 Outubro, 2024
- A mariscadora Dula Piñeiro protagoniza o Festival Kerouac adicado ás poetas do mar - 25 Setembro, 2024
- Nove actividades imprescincibles do Galician Freaky Film Festival - 20 Setembro, 2024
- Turmalina: ‘brunch’ á brasileira - 17 Setembro, 2024