Últimas novidades na música local
A escena musical viguesa non descansa, e nas últimas semanas non deixan de saír novidades de diferentes artistas locais. A continuación presentámosvos algúns dos lanzamentos, tanto de singles como de discos, que compoñen a banda sonora da nosa cidade.
TONY LOMBA E ELIO DOS SANTOS
Como é tradición por estas datas, o irreverente dúo presenta o seu clásico tema anual, que interpretarán o 26 e 28 de decembro en La Fábrica de Chocolate xunto ao resto de hits colleitados ao longo deste tempo. Unha oda ao Nadal menos polémica do habitual.
PABLO LESUIT
En 2017, entusiasmado co movemento da canción latinoamericana, decide emprender unha nova viaxe por Sudamérica con pouca equipaxe e a súa guitarra debaixo do brazo para atoparse coas músicas de raíz. Alí é onde comezou de maneira itinerante a gravación do seu novo disco editado por Esmerarte que verá a luz a principios do próximo ano , e do cual Cuerpos é o primeiro adianto. Unha cumbia hipnótica de madrugada con influencias da psicodelia. O sábado 14 de decembro actuará en La Fábrica de Chocolate.
dani
dani (en minúsculas) é a nova faceta musical de Daniela DiCostas, que busca rachar cun pasado máis acústico de cantautora. Neste Mira, publicado por El Volcán Música, atopamos un novo e hipnótico camiño electrónico baixo a produción de Aaron Rux, habitual colaborador de Joe Crepúsculo.
NICOLÁS PASTORIZA
E pasamos da xuventude á veteranía co novo single de Nicolás Pastoriza, que formará parte de Aliens & Cowboys, disco que viu a luz o 2 de decembro. A descarga dixital deste traballo irá dirixida a PROEMAID, operativo de rescate no Mediterráneo. Neste tema colaboran outros dous grandes artistas locais como son Iván Ferreiro e Pablo Novoa.
AMARO FERREIRO
Outro que sacará disco proximamente, aínda sen confirmar a data, será Amaro Ferreiro, que vén de sacar como single Desesperadamente, canción do filme Litus. Ademais, o maior dos Ferreiro foi o principal ideólogo do disco Hijos del Mediterráneo, unha homeaxe coral a Joan Manuel Serrat na que participan artistas como Andrés Calamaro, Jorge Drexler, Eva Amaral ou Santi Balmes.
LOS MARCIANOS
A principios deste mes tamén podíamos gozar co novo EP de Los Marcianos, titulado Contra el mundo. Neste traballo volvemos atopar eses estribillos contaxiosos, esa urxencia que lles caracteriza e sobre todo, cancións, algo do que sempre fixeron bandeira.
JOAO TOMBA
Novo asalto de Joao Tomba, unha das caras musicais de Indy Tumbita, ao status quo do conformismo e lugar común que se impón nesta nosa sociedade do século XXI. Premendo aquí podes escoitar e mercar este novo traballo do inquedo artista vigués acompañado polas Culebras de Plutón.
THE RIGGOS
Despois dun primeiro traballo homónimo no que mostraron cales eran as súas armas, a nova banda de punk rock trae novo material como adianto do seu próximo disco, aínda sen data de saída. Sen présa pero sen pausa avanzan por un camiño marcado polas guitarras distorsionadas e moita caña.
ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS
Outro dos buques insignia da nosa música sacou hai un par de meses Quemé una bandera por ti, primeiro single do seu próximo disco, que sairá a comezos do ano que vén. Proximamente adiantarán un segundo corte deste esperado traballo.