VIALIA
PLAYDOC
Historias para coñecermos Vigo

Fina Casalderrey, María Xosé Porteiro e María Reimondez firman as últimas ‘Historias para coñecermos Vigo’

A asociación 4 Patacos, en colaboración coa Concellería de normalización lingüística e a Editorial Elvira, publica desde o 2016 a serie de libros ‘Historias para coñecermos Vigo’, una colección de relatos de ficción ambientados en diferentes barrios que forman una imaxe caleidoscópica das moitas cidades que coexisten dentro da cidade.

Esta semana presentáronse tres novos relatos que se engaden á colección e que retratan os barrios de Coia, Candeán e Oia. Como ancontece cos oito exemplares publicados anteriormente, están firmados por recoñecidas autoras viguesas (de orixe ou de adopción): María Xosé Porteiro, Fina Casalderrey e María Reimondez. Cada unha elixiu un barrio e encheuno cunha historia de ficción que delata a súa visión particular do terreo.

Caderno de bitácora, o relato ambientado e Oia e Canido, está firmada por Fina Casalderrey. A escritora, membro da Real Academia Galega, puxo o foco en descubrir as pequenas historias que esconde a zona e que non aparecían, ata agora, nos libros. Mestura unha novela de misterio, que comeza na Illa de Toralla, cas lembranzas da súa nenez. ‘Vigo era unha cidade fina para os que viñamos do rural. Tiña comercios, editoriais e xente ben vestida’, lembra a autora.

REVISTA ABRIL

A novela de María Xosé Porteiro, Buscando a Clara, está ambientada nos distritos de Candeán, Cabral e a Madroa. Unha contorna que a autora explica, ‘parécese menos a Vigo e máis a Galicia’, pero que é a demostración de que a cidade é una mestura de urbe e entorno rural, na que a segunda parte é moitas veces esquecida. A autora adianta que a historia xoga coa riqueza cultural e antropolóxica da zona, que posúe vestixios castrexos.

Pola súa parte, a activista, tradutora e escritora María Reimondez, móstranos en Unha xigante ira colectiva os barrios de Coia (no que vive) e As Travesas a través dos ollos dunha persoa con poucos recursos. ‘Creo que era necesario mostrar a cara dos que viven a cidade dun xeito máis duro’, expresa a autora, que ambienta o seu relato na Guerra Civil.

Todos os exemplares contan cun mapa na súa primeira páxina, que invita ao lector a percorrer os mesmos lugares que os seus personaxes. O vindeiro curso, a Concellería entregará as novas historias aos escolares de Vigo, quen, tras a lectura, terán a oportunidade de camiñar os barrios acompañados polas autoras.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.